Junta General de
Cofradías y Hermandades

SEMANA SANTA DE FERROL

Reapertura do Museo da Semana Santa de Ferrol, este sábado 20 de abril

A Xunta de Confrarías e Irmandades informa da reapertura e o novo horario do Museo da Semana Santa de Ferrol a partir de mañá, sábado. A exposición abrirá os sábados e domingos de 12.00 a 14.00 e de 17.30 a 20.30 horas, e de martes a venres de 12.00 a 14.00. Os luns seguirán a ser o día de peche.

Como cada ano, o museo pechou as súas portas en datas próximas á Semana Santa, cando as confrarías retiran da exposición parte dos seus fondos para ser utilizados durante as procesións. Unha vez pasado o evento, as irmandades devolven as pezas e a mostra reabre as súas portas.

A exposición permanente da Semana Santa de Ferrol vai camiño de cumprir seis anos e está consolidada dentro da oferta museística da cidade. Está situada nos baixos da costa de Mella, con entrada polos xardíns de San Francisco, e a súa localización no primeiro quilómetro do Camiño Inglés de peregrinación a Compostela desde o porto de Ferrol favorece que teña numerosas visitas de persoas de moi variadas nacionalidades.

A entrada ao museo custa 2€ e pódense concertar visitas de grupos escribindo un correo electrónico a: exposicion.semanasantadeferrol@gmail.com