As bandas musicais tiveron moita relevancia e importancia na Semana Santa Ferrolá historicamente. A súa música é esencial para marcar o paso e acompañar os tronos que son portados aos ombreiros, e a presenza na cidade de bandas militares marcou unha estela de calidade que logo continuaron moitas formacións.
Co paso dos anos as bandas militares propiamente ditas foron desaparecendo. Hoxe en día só queda a do Terzo Norte de Infantería de Marina. Hoxe en día existen en Ferrol as seguintes bandas e agrupacións musicais, todas parte da Semana Santa da cidade e cada unha co seu estilo.
A finais dos 60 e principios dos 70, o oco deixado pola Banda de Aprendices da Escola Nacional Bazán foi ocupado por outras tres, a do Grupo 19 dos Scouts, a de Granaderos das Confrarías da Orde Terceira e a Banda de Cornetas e Tambores da OJE, que naceu en 1969. Esta última é a única que existe na actualidade e ostenta o título de decana da cidade.
Inicialmente a participación desta Banda na Semana Santa Ferrolá produciuse coas Confrarías de Dolores e co paso dos anos foi participando nos desfiles procesionais de todas as Confrarías de Ferrol. Adoitan actuar tamén en lugares tanto da xeografía galega como do resto da española e portuguesa.
No ano 2000 introdúcense nas súas filas novos instrumentos, de maneira que deixa de ser unha banda de cornetas e tambores ao uso e amplía o seu repertorio con novas e diferentes marchas.
Fundada en maio de 1983 no seo das confrarías da Virxe de Dolores e o Cristo da Misericordia denominándose, nos seus primeiros anos, “Banda Ferrol”.
No ano 1992 formou unha Asociación Xuvenil mantendo o nome “Banda Ferrol”. Foi despois a “Banda da Confraría de Dolores” e desde comezos do ano 2024 adoptou o nome de Banda de Cornetas e Tambores Noso Pai Xesús Nazareno.
A Banda das Angustias fúndase o 31 de maio de 1984 con varias finalidades entre as que podemos destacar as sociais, educativas e representativas. Sempre tivo e ten abertas as súas portas a todo o que queira ser compoñente da mesma, pasando desde o momento da súa integración para ser confrade das Angustias de pleno dereito.
Esta Banda foi e segue sendo sementeiro doutras moitas bandas. Nos seus 31 anos de existencia, participou en todas as procesións e actos da nosa Semana Santa.
Agrupación nada no ano 2015, contando entón con arredor de 45 compoñentes, e integrada por instrumentos de vento metal (Trompetas, Trombóns, Bombardinos, Tubas, Cornetas) e de percusión (Caixas redoblantes, Tambores, Bombos, Timbales e Pratos). O seu repertorio abrangue tanto composicións de paso procesional como marchas de agrupacións como Paixón de Linares, Virxe dos Reyes, etc. así como un repertorio propio por exemplo “Na Chicotá da miña vida”ou “A Dozura da túa Amargura” como para marcha rápida con temas militares, pasodobres ou cancións infantís.
Presentouse oficialmente en Ferrol ante a Patroa dos Mares no mes de novembro de 2015, como antesala a unha coresma onde participou no Certame de Bandas de Viveiro e Ferrol, así como organizando a primeira edición do Certame Nacional de Bandas Sons Mariñeiros.
A Asociación Cultural Amigos da Música comeza a fraguarse no mes de abril de 2015, cando un grupo de amigos procedentes de diversas formacións musicais da cidade de Ferrol e con ampla experiencia no mundo da música, dicimos unirnos para formar este novo proxecto. En maio daquel mesmo ano quedou rexistrada a asociación.
A agrupación musical, composta por 40 compoñentes, conta con instrumentos como cornetas, trompetas, trombóns, bombardinos, tuba, gaitas, tambores, caixas redoblantes, bombos e pratos. Conta, así mesmo con dúas uniformidades, unha de gala e outra de paseo.
A presentación oficial da Agrupación Musical foi o 5 de marzo de 2016, na Capela da Orde Terceira de Ferrol onde se lle comunicou oficialmente, por parte de Confraría da Soidade de Ferrol, a concesión do Patronazgo do Santísimo Cristo da Boa Morte.
© 2022 | Todos os deritos reservados | Deseño web srlence.com