Junta General de
Cofradías y Hermandades

SEMANA SANTA DE FERROL

Ruta confrade

RUTA CONFRADE FERROL

No ano 2016 cumpría 400 anos o escrito máis antigo que fala sobre a Semana Santa de Ferrol. Con motivo de tal celebración, deseñouse a Ruta Confrade por Ferrol.

O obxectivo da ruta é dar a coñecer aqueles lugares que tiveron, ou teñen, importancia histórica no desenvolvemento da Semana Santa de Ferrol.

Un percorrido guiado por Ferrol Vello, A Magdalena e Esteiro para coñecer aqueles feitos documentados que perfilaron e seguen marcando a traxectoria da Semana Santa de Ferrol.

01

Antiga parroquial de San Xiao e Praza Vella

En Ferrol Vello, onde naceu a cidade, está tamén a “prehistoria” da Semana Santa de Ferrol. A primeira referencia documentada sobre a existencia de procesións é de 1616, aínda que con seguridade se celebraban desde varias décadas atrás.
Tampouco se coñece o lugar exacto da primitiva igrexa de San Xiao, á que estaban ligadas aquelas primeiras procesións, pero podemos situalo na zona da Praza Vella. O templo, que existiu ata 1762, albergou diferentes confrarías e tamén algunhas imaxes que perviven hoxe –a Virxe da Piedade, a Dolorosa, San Xoan, a Santa Verónica, a Virxe das Angustias, o Cristo do Desencravo e o dos Navegantes-. Na Praza Vella celebrábanse o Santo Encontro e a cerimonia do Descendemento e polas rúas do Cárcere (hoxe Benito Vicetto), Mercé e Espartero discorrían outros desfiles penitenciais, con imaxes portadas aos ombreiros sobre andas e sen penitentes como os entendemos agora, é dicir, sen capuz.

02

Rúa da Mercé

Na rúa da Mercé, que hoxe mantén o mesmo nome, estaba a casa familiar dos Bermúdez, a liñaxe máis importante de Ferrol desde a Baixa Idade Media, que posuían regalía de paso polo menos desde 1672 -por ela estaban obrigadas a transitar as procesións-. Tras a desaparición da antiga parroquial de San Xiao, na que a familia tiña a súa capela familiar, construíron unha nova casa, o Pazo dos Bermúdez, cunha capela dedicada á Virxe da Mercé. Nela estaba unha imaxe obra de José Ferreiro que sacaban de procesión cada 24 de setembro. O traslado das procesións ao barrio da Magdalena non gustou aos Bermúdez, que pleitearon, sen éxito, para que estas volvesen pasar por diante da súa porta. O pazo e a capela foron demolidos en 1956.

03

Igrexa do Socorro

A devoción á Virxe do Socorro manifestouse xa en 1757 coa fundación, na antiga parroquial de San Xiao, da Confraría da Nosa Señora do Socorro. Entre as súas misións, ademais de asistir e enterrar aos condenados á morte, estaba sacar en procesión cada 8 de setembro á súa titular. En 1764 decidiuse levantar a igrexa do Socorro, un proxecto que sufriría sucesivos cambios e problemas, ata o punto de que tardou 30 anos en estar terminada. Un deles foi a muralla defensiva dos novos arsenais, cuxo trazado pasaba por onde xa se estaba a edificar a nova capela. No conflito saíu perdendo a igrexa, cuxo proxecto tivo que ser modificado.

A igrexa do Socorro custodia a emblemática talla do Cristo dos Navegantes, do século XVII. Aínda que xa non existe ningunha confraría penitencial vinculada a esta imaxe, a parroquia do Socorro celebra cada Mércores Santo a procesión do Cristo dos Navegantes -desde 1949 cunha nova talla-, moi popular en Ferrol Vello e ligada ás xentes do mar. No ano 2022, a parroquia acordou coa Confraría da Soidade que fora ela a encargada de organizar o desfile, sen que iso variara o estilo e o percorrido.

04

Igrexa de San Francisco

A actual igrexa castrense de San Francisco construíuse en 1757 no lugar que antes ocupou un convento franciscano cuxa fundación se remonta a finais do século XIV. A tradición procesional da orde fai moi probable que o seu papel fose importante na aparición dos desfiles penitenciais na cidade, aínda que no presente da Semana Santa de Ferrol deixou unha especial pegada a Orde Terceira franciscana, unha organización seglar que se fundou na cidade no ano 1741.

05

Capela da Orde Terceira

Só dous anos máis tarde da súa fundación, en 1743, a Orde Terceira comezou a celebrar a procesión do Ecce Homo na tarde do Domingo de Ramos, tradición da que é herdeira a actual Confraría da Soidade (fundada en 1957). En 1790 a Orde Terceira encargou a Florencio Gambino a imaxe que hoxe segue saíndo en procesión.
En 1763 os frades franciscanos doan uns terreos contiguos á súa igrexa de San Francisco para que a Orde Terceira levante unha capela. As obras terminan en 1766 e ese mesmo ano sae por primeira vez en procesión a Virxe da Soidade, unha imaxe doada por Francisca Bayolo.
Cabe destacar a vinculación da Confraría da Soidade con Ferrol Vello e a capela do Socorro. Aínda que o resto das súas procesións transitan polo barrio da Magdalena, a do Cristo da Boa Morte, cada Martes Santo, avanza por Espartero e detense a render homenaxe ao Cristo dos Navegantes.

06

Convento dás Escravas
(antigua igrexa de San Roque)

Despois da desaparición da igrexa de San Xiao en 1762, o epicentro da Semana Santa de Ferrol desprazouse do barrio portuario á zona das igrexas de San Francisco e San Roque –esta última no lugar que hoxe ocupa o Convento das Escravas-. A capela de San Roque era desde 1620 a sede da extinta confraría do mesmo nome, tamén chamada “dos mareantes” porque estaba constituída por xentes do mar. Aquela confraría ocupábase do paso da Santa Cea, que desde 1741 quedaba exposto cada Xoves Santo e que se conservou ata mediados do século XX, con Xesús e os doce apóstolos baixo un dosel sentados á mesa.

Á igrexa de San Roque trasladáronse as imaxes que gardaba a antiga parroquial de San Xiao e no seu atrio refundouse, o 10 de abril de 1768, a Confraría das Angustias.

07

Museo da Semana Santa

En decembro de 2018 foi inaugurado o Museo da Semana Santa de Ferrol, no local cedido polo Concello e situado nos baixos da Costa de Mella. Esta exposición permanente era unha vella aspiración da Xunta de Confrarías, e da anterior Coordinadora, desde que en 2014 a Semana Santa de Ferrol foi declarada de Interese Turístico Internacional. Nela móstranse diferentes imaxes, hábitos e outros elementos do patrimonio das irmandades, así como das formacións musicais que participan nas procesións de Ferrol.

08

Concatedral de San Xiao

A igrexa parroquial de San Xiao construíuse, tras a desaparición da antiga de Ferrol Vello, para dar servizo ao novo barrio e á puxante poboación de Ferrol. As obras terminaron en 1772, seguindo un deseño de Julián Sánchez Bort. Desde 1959 ten a categoría de concatedral, por unha bula de Juan XVIII. É a sede canónica da Irmandade do Santo Enterro, fundada en outubro de 1950 no seo das Confrarías de Dolores e herdeira da tradición, que en Ferrol se remonta polo menos ao século XVII, de sacar en procesión a Santa Urna na tarde do Venres Santo.

09

Igrexa de Dolores

A antiga confraría dos servitas, fundada en 1750 na primitiva igrexa de San Xiao e que se trasladou á de San Roque tras a súa desaparición, promove a construción do novo templo en 1771. A igrexa, cuxas obras se prolongaron máis dunha década, sufriu xa nos seus primeiros anos problemas estruturais polos que ao longo dos anos necesitou de diferentes e sucesivas intervencións. A última, e espérase que definitiva, mantivo a igrexa pechada durante máis de dous anos, ata a súa reapertura total ao culto na Semana Santa de 2023.

10

Praza de Amboage

Co traslado da Confraría de Dolores ( servitas) á praza de Amboage –chamada entón da “recova”-, esta quixo tamén levar o Santo Encontro a este espazo público. Con todo, o Concello, que custeaba polo menos en parte estes actos, optou por mantela no novo San Xiao, onde se celebrou ata o seu traslado á praza de Armas. Si foi trasladado o Santo Encontro a Amboage entre 2016 e 2019, cando se realizou a reforma de Armas. O ano 2022 marca o regreso desta procesión, unha das máis populares da Semana Santa de Ferrol, á praza situada diante do Concello.
En Amboage celébrase cada Domingo de Ramos a bendición das palmas, antes do inicio da procesión da Borriquita que organiza a Confraría de Dolores.

11

Capela da Mercé

O pai Ramón Serratosa fundou en agosto de 1908 a comunidade de frades mercedarios en Ferrol e só un mes despois, o 17 de setembro, asinou os estatutos da nova Confraría da Mercé. A orde decide en 1919 encargar ao arquitecto Rodolfo Ucha a construción da súa capela nuns terreos situados xunto ao seu colexio, o Tirso de Molina, e as obras comezaron en 1926.
É un edificio singular no que se plasma a mestura do estilo modernista coas novas correntes eclecticistas do momento. Ademais das procesións de Semana Santa, de aquí sae cada 24 de setembro a da Mercé, que segue o ronsel da devoción que xa se manifestou na zona do porto, ligada ao Pazo dos Bermúdez.

12

Praza da Constitución

A praza da Constitución acolle desde o ano 2006 o Gozoso Encontro entre Jesús Resucitado, María Magdalena e María Santísima da Luz, que organizan conxuntamente as confrarías da Soidade, a Mercé e as Angustias. Desde aquí parte a continuación a procesión da Resurrección, que pon punto final cada ano aos actos da Semana Santa en Ferrol.

13

Capela das Angustias

A Confraría das Angustias data probablemente de principios do século XVIII, aínda que o primeiro acto documentado é a súa refundación o 10 de abril de 1768 no atrio da capela de San Roque, templo no que se gardaría a imaxe titular, a Virxe das Angustias, tras a desaparición da antiga San Xiao. Despois, a imaxe estivo na igrexa de San Amaro, na que a irmandade tivo a súa sede provisional ata que contou coa súa propia. Entre 1780 e 1788 a irmandade construíu a súa propia igrexa nuns terreos situados aos pés da avenida de Esteiro. Do santuario saen procesións que discorren tanto por este barrio como polo da Magdalena.