A Xunta de Confrarías e Irmandades da Semana Santa de Ferrol fixo a súa valoración da edición deste ano, que como sinalou o seu presidente, César Carreño, deixou un sabor “agridoce” pola adversa meteoroloxía e as seis procesións que houbo que cancelar, aínda que unha vez máis se corroborou o “tirón” da Paixón ferrolá e o efecto multiplicador que ten para a cidade. No seu repaso polos actos que se sucederon entre o Domingo de Ramos e o de Resurrección, destacou o volume das iniciativas solidarias que as irmandades desenvolveron este ano, en moitos casos por primeira vez, e a recadación que deixaron, ben en metálico ou en alimentos, para distribuír a través de diferentes entidades a colectivos desfavorecidos.
Entre as accións sociais que desenvolven as confrarías durante a Semana Santa de Ferrol hai que destacar por tradición e resultado a recadación que realiza a irmandade das Angustias durante o Sábado Santo, desde as nove da mañá ata a saída da procesión da Caridade e o Silencio, con destino ao refuxio Pardo de Atín da Fundación do Santo Hospital de Caridade. Nesta recollida reuníronse 6.076,64€ que marcan un récord nos 68 anos que leva celebrándose.
Ademais, por primeira vez tamén a Irmandade do Santo Enterro entregou, durante o Sábado Santo, flores a cambio de donativos e recolleu ao redor de 700€. A Confraría de Dolores recadou entre os seus confrades 1.600€ de doazóns entregadas tamén a cambio das flores dos tronos e reuniu 260 quilos de alimentos non perecedoiros na recollida que organizou nos locais que temporalmente ocuparon os seus terzos. A Confraría da Soidade, aínda que por estatutos non pode publicar a cantidade, dedica a beneficencia o 10% da recadación polos hábitos. Por último, a Confraría da Mercé recadou case 400 euros co seu Ensaio Solidario e reuniu uns 400€ durante a vixilia do Sábado Santo que vai entregar a unha fundación de loita contra o cancro infantil.
Os confrades da Mercé estrearon outra iniciativa, a de levar as flores do trono de Nosa Señora dos Cativos, durante a mañá do Xoves Santo, á residencia de maiores Mi Casa. Segundo comentou a súa irmá maior, Helena Pena, foi unha experiencia moi gratificante e que os anciáns agradeceron moito, polo que a repetirán en anos próximos.
César Carreño apuntou tamén á difusión que a Semana Santa tivo a través da canle de Youtube e das redes sociais. Os streamings das procesións bateron un récord con 111.000 visualizacións e picos de 800 persoas vendo simultaneamente unha retransmisión. A canle da Xunta de Confrarías supera actualmente os 1.900 subscritores que están en puntos tan distantes como Birmania, Vietnam, Malaisia, Cambodia ou Arabia Saudita. Durante as emisións solicitáronse, como curiosidade, traducións automáticas en inglés, portugués, polaco e árabe.
En cando ás redes sociais, o volume total de impresións dos perfís da Xunta de Confrarías ascende a 501.400. Foron 186.790 en Facebook (7.289 seguidores); 219.040 en Instagram (3.356 seguidores); 35.030 en X (1.139 seguidores) e 60.540 en TikTok (rede na que a Xunta ten presenza desde fai apenas tres meses e onde acumula 1.001 seguidores).
Sumando as impresións das redes sociais e as visualizacións da canle de Youtube, a Semana Santa de Ferrol acumula 612.000 impactos “virtuais”. Segundo sinalou César Carreño, “isto indica que imos polo bo camiño, porque esta é unha forma de achegar a Semana Santa de Ferrol ao mundo”.
O presidente da Xunta e os responsables das cinco confrarías coincidiron en sinalar que de inmediato se poñen a traballar na Semana Santa de Ferrol de 2025, que será do 13 ao 20 de abril. Agradeceron, para terminar, o apoio das institucións –Xunta de Galicia, Deputación e Concello- así como o de empresas privadas como o Grupo Rilo, que lles cedeu valos para delimitar os percorridos, e as achegas voluntarias de numerosos comercios e negocios de hostalería que un ano máis achegaron uns 6.000€. Destacou tamén Carreño o traballo de Protección Civil, de Urbaser, persoal de xardíns e, en xeral, o de todas as persoas que fan posible a Semana Santa. “Se isto fosen os créditos dunha película serían uns créditos moi longos”, sinalou.