Por terceiro ano consecutivo a Xunta Xeral de Confrarías e Irmandades celebrará a festividade do Carme cunha procesión, que esta vez comezará en San Xiao e que terminará, como en edicións anteriores, no peirao do Arseal Militar. Ás sete da tarde do próximo luns, día 15 de xullo, está previsto que se celebre un acto mariano na concatedral e que a continuación saia a comitiva.
A procesión irá polas rúas Igrexa, Sánchez Barcáiztegui, Real e San Francisco. Logo tomará a rúa Rastro para entrar non Arsenal pola porta do Parque. Alí, no peirao militar, celebrarase unha ofrenda floral en memoria das persoas falecidas no mar. A banda Acotaga poñerá o acompañamento musical no percorrido.
A imaxe da Virxe do Carme, que ao longo do ano está exposta no Museo da Semana Santa de Ferrol, permanecerá na noite do luns ao martes no interior do Arseal Militar. Ao día seguinte presidirá os actos que a Armada celebrará, na honra da súa patroa, durante a mañá. Pola tarde protagonizará unha nova procesión, esta vez organizada pola Autoridade Portuaria e coa colaboración da Armada e a Xunta de Confrarías. A comitiva sairá ás 19.00 horas pola porta da Cortiña, de novo acompañada por Acotaga, e dirixirase ao peirao máis próximo para embarcar e realizar un percorrido pola ría. Ao regreso, a procesión retirarase na igrexa do Socorro, onde está previsto que a rondalla Añoranzas lle cante a Salve Mariñeira.
A Xunta de Confrarías recuperou en 2022 para a cidade de Ferrol a procesión do Carme, despois de máis de sete décadas sen celebrarse, contando co apoio da Armada e da Autoridade Portuaria. Comprouse ao escultor José Negrí Acevedo a imaxe de candeleiro que saíu aquel verán por primeira vez en procesión desde a igrexa do Carme. O pasado ano fíxoo desde a capela da Mercé e este 15 de xullo farao desde San Xiao.