Junta General de
Cofradías y Hermandades

SEMANA SANTA DE FERROL

O boletín PaixónxFerrol da Xunta de Confrarías chega ao seu décimo número

O boletín PaixónxFerrol que edita a Xunta Xeral de Confrarías e Irmandades da Semana Santa de Ferrol chega ao seu décimo número. A revista acaba de colgarse nesta web, na que tamén están todos os seus números anteriores desde marzo de 2022. É unha publicación con perioricidade trimestral na que se recollen noticias e entrevistas relacionadas coas confrarías penitenciais de Ferrol e todas as súas actividades, en especial a celebración das procesións de Semana Santa.

Neste número de xuño tocou facer un repaso do que foi a pasada Paixón Ferrolá, así como recoller o actos da Virxe das Angustias e o Corpus Christi. Tamén recolle as súas páxinas a celebración da procesión extraordinaria do Cristo dos Navegantes, que a Confraría da Soidade organizou con motivo do 75 aniversario da imaxe de Enrique Carballido. Dá conta PaixónxFerrol da publicación da revista Mater Misericordia por parte da Confraría de Dolores e do pesar que causou o falecemento de Justo Brotóns Rey no mundo da Semana Santa Ferrolá. A entrevista deste número é con Antonio Sixto, o irmán maior do Santo Enterro, que entre outras cousas avanza que o novo Cristo do Desencravo vai ser unha réplica exacta do antigo e que o modelo se vai obter a través dun escaneado 3D.

Entre os temas que aborda a revista está tamén a procesión en honor da Virxe do Carme. A Xunta de Confrarías anuncia que terá a súa saída desde a concatedral de San Xiao e que o acompañemento musical correrá a cargo de Acotaga. O vindeiro 15 de xullo, ás 19.00, celebrarase un breve acto mariano no interior do templo e despois sairá a comitiva, que irá polas rúas Igrexa, Sánchez Barcáiztegui e Real, para tomar despois San Francisco e a rúa Rastro para entrar no Arsenal. Como sucedeu xa nas dúas edicións anteriores, celebrarase unha ofrenda floral ao pé do peirao militar e despois a imaxe do Carme permanecerá no Arsenal ata o día seguinte, cando presidirá pola mañá os actos castrenses e pola tarde volverá a saír en procesión, desta volta baixo a organización do Arsenal e o Porto de Ferrol. Haberá unha pequena procesión marítima e despois a imaxe será retirada na igrexa do Socorro.