Junta General de
Cofradías y Hermandades

SEMANA SANTA DE FERROL

A Semana Santa de Ferrol verá este ano a estrea de tres imaxes

A reapertura da igrexa de Dolores despois de sete anos pechada por obras é un dos grandes acontecementos da Semana Santa de Ferrol neste 2025. De novo entre o Domingo de Ramos e o de Resurrección sucederanse 25 procesións organizadas polas cinco confrarías penitenciais da cidade. Nelas  participarán máis de tres mil persoas, entre confrades e bandas de música, aínda que a posta en marcha de todos os actos implica a moita máis xente.

A reapertura do templo de Amboage está prevista para esta mesma tarde -esta mañá ten lugar un acto institucional privado-. A Confraría de Dolores anunciou o solemne traslado das imaxes da Virxe de Dolores e do Cristo da Misericordia unha vez que termine a última función do setenario que iniciou o pasado sábado 5 de abril na concatedral de San Xiao. Desde alí, aproximadamente ás 19.15h, levarán os dous pasos polas rúas Igrexa, Coruña, Magdalena, Rubalcava, María, Terra, Real, Arce, María e Méndez Núñez. Ao chegar ao templo celebrarase o acto de acollida e posterior eucaristía presidida polo bispo diocesano Fernando García Cadiñanos.

A Semana Santa é o único evento de Interese Turístico Internacional de Ferrol e representa unha tradición de máis de catro séculos -a primeira referencia documental ás procesións penitenciais da vila data de 1616- nos que o evento foi crecendo e evolucionando cos tempos, pero tamén coidando a herdanza recibida de xeracións e xeracións. Un exemplo disto é o cartel deste ano, no que aparecen uns confrades do Santo Enterro portando o crucifixo da extinta confraría de Ánimas, a que lle precedeu na organización da función do Descendimiento e o Santo Enterro.

Entre as principais novidades deste ano cabe sinalar a estrea de tres imaxes: a do Cristo da Boa Morte, obra de Jesús Cepeda, que a Confraría da Soidade sacará á rúa na súa procesión do Martes Santo; a de María Santísima dos Desamparados, tallada polo tamén andaluz Rafael Martín Hernández, que veremos na procesión da Confraría das Angustias do Mércores Santo, e a figura de Caifás, que acompañará ao trono de Xesús da Columna, da Confraría de Dolores, na noite do Xoves Santo. É esta última a segunda figura dun trono de misterio que o pasado ano saíu coa única imaxe de Xesús e que en próximas edicións incorporará, segundo está previsto, as dun flaxelador e un romano. Todas son obra de Fernando Murciano, un imaxineiro sevillano que realizou tamén outras tallas para a irmandade de Amboage.

Tamén destaca por nova a iniciativa da Confraría da Mercé, que por primeira vez realizará un “tramo silencioso” no percorrido da súa procesión da nosa Señora dos Cativos, na tarde do Mércores Santo, para facilitar o seu goce a persoas con TEA ou outros problemas cognitivos ás que lles pode molestar o son da música e os tambores.

O programa da Semana Santa de Ferrol abrirase na mañá do Domingo de Ramos en Esteiro, como cada ano, coa procesión de Jesús Amigo dos Nenos que celebra a Confraría das Angustias. Apenas quince minutos despois a praza de Amboage vivirá unha das imaxes máis coñecidas deste evento, a multitudinaria bendición de ramos que se celebra antes da saída da popular “Borriquita”. Non hai cambios importantes en canto a número de procesións ou percorridos, tras a destacable incorporación da comitiva de Xesús da Humildade no Bico de Xudas, que a Confraría da Mercé celebrou por primeira vez o pasado ano, na tarde do Xoves Santo.

Cabe apuntar o esforzo que están a facer as irmandades nos últimos anos por abrir ao público espazos que ata o de agora permanecían en exclusiva dentro do círculo confrade. Así, a Mercé abre a súa sede canónica na madrugada do Mércores Santo -xusto despois de que se retire a procesión de Dolores do Martes Santo- para que quen o desexe poidan asistir ao acto de entronamento do paso da nosa Señora dos Cativos. A Confraría de Dolores, pola súa banda, abrirá cada tarde a partir das seis as portas da súa corralón para que os fieis poidan achegarse aos tronos xa preparados para as procesións.

Por outra banda, o Museo da Semana Santa de Ferrol, situado nos baixos da Costa de Mella, permanecerá aberto no seu horario habitual todos os días salvo o Venres Santo e os domingos de Ramos e de Resurrección, xornadas nas que permanecerá pechado. Así, do Martes ao Xoves Santo poderá visitarse polas mañás, de 12.00 a 14.00h e o Sábado Santo, de 12.00 a 14.00 e de 17.30 a 20.30h.

De novo este ano a Xunta de Confrarías retransmitirá en directo todas as procesións. Farao a través da canle de Youtube –https://www.youtube.com/@semanasantadeferrol1616– que durante o pasado ano rexistrou unhas 124.000 visualizacións no transcurso da Semana Santa, duplicando as do ano anterior a pesar de que houbo que suspender algunhas pola choiva.

Funciona tamén unha canle de Whatsapp, activo todo o ano, polo que se informa da axenda de procesións de cada día, coas ligazóns aos mapas dos percorridos, e avísase do inicio das retransmisións en directo. Esta canle, que se pode seguir a través do link https://whatsapp.com/channel/0029VaIa5w0HwXb8UUh2IA2g será a vía para advertir de calquera cambio ou da suspensión, se se dese o caso, dos actos previstos. Toda esa información estará, igualmente, nos perfís que a Xunta de Confrarías ten en Facebook e Instagram.