A Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas confeccionará unha alfombra floral o Domingo de Resurrección na Praza de Armas para recibir ás tres procesións que conflúen no Gozoso Encontro deste día, o 20 de abril. A acción realízase co apoio da Xunta de Confrarías e Irmandades da Semana Santa de Ferrol e do Concello de Ferrol.
A alfombra terá forma de pentagrama en alusión ás cinco confrarías e irmandades da Semana Santa de Ferrol. O motivo central é a imaxe dunha pomba nunha vidreira multicolor. A pomba é un símbolo litúrxico que representa o Cristo que se reencarna misteriosamente na Eucaristía.
A alfombra terá un diámetro de oito metros e ocupará uns cincuenta metros cadrados de superficie, aos pés da escaleira de acceso ao palacio municipal. Toda a alfombra realizarase con elementos naturais, utilízase verde de túa, o de eucalipto, o marrón é a tamén de túa seca, o branco e o vermello son de caraveis (2000 caraveis) ; pétalos de pampillo deshidratados, o negro é breixo tostado etc. Para o trazado do debuxo empréganse as tapas de landras e o corazón do millo cortado en toros.
Na madrugada do domingo un grupo de 30 alfombristas comezarán a realizala a partir das 7 da mañá.
Información sobre Ponteareas e a súa tradición alfombrista
A vila de Ponteareas, no sur da Provincia de Pontevedra, alcanzou especial renome pola celebración da festividade de Corpus Christi, onde os veciños confeccionan para o paso da procesión do Santísimo Sacramento artísticas alfombras de flores naturais. Trátase dunha obra colectiva que expresa a cultura popular das xentes de Ponteareas que, ao longo de douscentos anos, souberon conservar e promover esta celebración, recoñecida como “Festa de Interese Turístico Internacional”. No domingo de Corpus son máis de vinte alfombras as que enchen as rúas e prazas de Ponteareas, nunha profusión de colorido, creatividade e beleza que enfeitizan a propios e visitantes. Más dun quilómetro de alfombras con miles de flores, matas e arbustos, coidadosamente esfolladas e mesturadas para obter unha auténtica obra de arte efémera.
O paso da Procesión do Corpus Christi polas rúas de Ponteareas nas súas mais dun quilómetro e medio, é tamén espectacular, pois á beleza de pasar por encima da alfombras , a Custodia recibe unha choiva de pétalos ao longo de todo o seu percorrido,
O recoñecemento ao traballo e sabedoría na confección de alfombras florais tivo o seu último recoñecemento en 2009 coa declaración da Festa do Corpus Christi de Ponteareas como Festa de Interese Turístico Internacional. Esta distinción oficial foi un dos motivos que levou ao Concello de Ponteareas a organizar en 2010 o III Congreso Internacional de Arte Efémera e no que Ponteareas tivo a maior proxección de toda a súa historia a nivel internacional e no que se reuniron en Ponteareas delegacións de varias cidades de todo o mundo, mostrando a súa arte floral.
A celebración do Corpus Christi vívese en Ponteareas con gran intensidade. Un espectáculo visual de alfombras de flores que van asociadas a sensacións aromáticas que invaden as rúas da Vila do Corpus. Cheiros de ‘fiuncho’ (fiúncho), mirto, túa, árnica, mimosa, rosas…. Por iso, semanas antes do día grande desta celebración “Ponteareas cheira a Corpus”.
Pois ben, eses ‘cheiros’ típicos do Corpus ponteareán, únicos nestas datas do ano, foron os elixidos polo ‘Museo dos Aromas’ -tamén único en Europa-, para formar parte do seu catálogo de aromas, integrando o patrimonio da Festa do Corpus Christi de Ponteareas.
A Xunta de Galicia no seu decreto do 22 de abril de 2024 declarou Ben de Interese Cultural O Corpus Christi de Ponteareas como manifestación do Patrimonio Inmaterial de Galicia.
O Ministerio de Cultura de España presentou, a candidatura de “A TRADICION DA CREACION DE ALFOMBRAS FLORAIS E COMPOSICIÓNS RITUAIS CON MATERIAIS NATURAIS” á Unesco o mes de marzo de 2024 como candidatura Internacional para entrar na lista representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade, que será avaliada en 2025 e na que Ponteareas, é a representante de Galicia.