Junta General de
Cofradías y Hermandades

SEMANA SANTA DE FERROL

O Cristo da Tahona viaxa a unha exposición sobre a Galicia Medieval

O Cristo da Tahona, propiedade do Concello de Ferrol e que preside a exposición permanente do Museo da Semana Santa de Ferrolabandona temporalmente os baixos da Costa de Mella para incorporarse á exposición do programa “Reencontro coa Galicia Medieval”, que estará na sede ferrolá de Afundación do 3 ao 17 de decembro. Trátase dun programa impulsado pola Xunta de Galicia e coordinado polo profesor Xosé Antonio Ponte Far, no que se combina arte, música e actividades divulgativas.

O programa comezou xa no mes de outubro e desenvolveuse en Negreira e Padrón. Na segunda localidade acaban de clausurarse as actividades, para trasladalas agora a Ferrol, onde o próximo día 3 de decembro recalará a exposición, esta vez co Cristo da Tahona, tamén coñecido como o Cruceiro de Canido. O Grupo Medievalium Gallaecia, que está formado polo pintor Pedro Castro Couto, a catedrática e escritora Mª Eva Ocampo Vigo, a soprano e profesora do Conservatorio da Coruña Vitoria Álvarez Acón, o zanfonista e flautista Eloy Vázquez e o percusionista Alberto Cabezas, encárgase de organizar as actividades que acompañan á exposición, que son unha conferencia e un concerto.

Como complemento do programa, ademais, editouse unha unidade didáctica para alumnado de Secundaria sobre a Idade Media en Galicia.