Cumprindo coa quenda establecida no seo da Xunta de Confrarías da Semana Santa de Ferrol, en 2024 a Confraría das Angustias será a protagonista do cartel. Con ese motivo, a irmandade de Esteiro anuncia a convocatoria dun concurso aberto á presentación de fotografías ou pinturas.
O prazo de presentación de traballos está aberto ata o próximo día 6 de outubro e as persoas interesadas han de enviar as súas fotos ou pinturas en formato dixital cunha calidade de 300 DPI mínima ao e-mail concurso@cofradiadelasangustias.com ou achegalas á oficina da confraría nun pendrive.
A fotografía ou pintura será elixida pola xunta de goberno da Confraría e presentada como cartel nas datas establecidas. Os participantes poderán presentar tantas imaxes como desexen a condición de que a súa temática sexa a Semana Santa e a Confraría das Angustias.
A última vez que esta irmandade protagonizou o cartel da Semana Santa de Ferrol foi hai cinco anos, en 2018. Naquela ocasión, cando a confraría celebraba o 250 aniversario da súa refundación, elixiuse unha imaxe de Ignacio do Moral na que aparecía a Virxe das Angustias na procesión da Caridade e o Silencio, o Sábado Santo.
Podedes ver unha galería dos carteis da Semana Santa de Ferrol desde finais dos anos 80 a través deste link: https://semanasantaferrol.com/carteis/