Junta General de
Cofradías y Hermandades

SEMANA SANTA DE FERROL

Balance social 2023: máis de 17.800€ e preto de 2,5 toneladas de alimentos

As confrarías penitenciais de Ferrol desenvolven ao longo do ano un intenso labor social, que se plasma na organización de innumerables actividades benéficas cuxa recadación se canaliza despois a través de diferentes organizacións caritativas a persoas desfavorecidas da nosa contorna máis próxima. O balance social do pasado ano 2023 tradúcese na doazón de 2.447 quilos de alimentos e 17.866,71 euros.

A Xunta de Confrarías e Irmandades da Semana Santa publica por segundo ano consecutivo estes datos para agradecer a colaboración de confrades e, en xeral, de todas as persoas que secundaron ao longo do pasado 2023 as diferentes actividades solidarias. Con iso ponse de relevo tamén que a actividade das cinco confrarías penitenciais de Ferrol non se cingue exclusivamente á organización das procesións en Semana Santa, senón que fomentar e practicar a caridade está entre os seus fins, segundo se establece nos seus estatutos, e estas tarefas desenvólvense ao longo de todo o ano.

Cabe destacar as accións solidarias nestas datas do Nadal. As confrarías da Mercé, as Angustias, Soidade e Dolores abriron os seus respectivos Beléns, en diferentes baixos comerciais do barrio da Magdalena, e todos eles convertéronse tamén en lugares de recollida de alimentos e donativos. A Irmandade do Santo Enterro, pola súa banda, celebra cada ano un Café Solidario nestas festas. Entre xaneiro e decembro sucédense concertos, ceas benéficas, venda de rifas, etc. cuxa recadación chega ás persoas que o necesitan a través de Cáritas Diocesana, a Cociña Económica, o Refuxio Pardo de Atín, o Banco de Alimentos Rías Altas etc.

Á marxe das actividades que impulsan e organizan as propias irmandades, é habitual que outras campañas promovidas por diferentes ONG atopen apoio entre os confrades. Son accións dificilmente cuantificables, por exemplo a colaboración desinteresada de persoas da Confraría de Dolores que pintaron un piso de Cáritas, ou a participación de voluntarios na Gran Recollida do Banco de Alimentos.