A Xunta Xeral de Confrarías e Irmandades da Semana Santa de Ferrol presentará o cartel de 2024 este sábado, 13 de xaneiro, nun acto que terá lugar no Casino Ferrolán. Nesta ocasión, a Confraría das Angustias é a protagonista a través dunha fotografía de Jesús Romero que capta un momento da saída da procesión da Caridade e o Silencio, o Sábado Santo, desde o santuario de Esteiro.
Cumpre un ano máis a Xunta de Confrarías o seu compromiso de presentar o cartel na cidade antes de levalo a Fitur, a feira internacional de turismo que se vai desenvolver do 24 ao 28 de xaneiro en Madrid. No mesmo acto darase a coñecer o novo logo da Semana Santa Ferrolá.
A presentación contará, como é habitual nos actos da Xunta de Confrarías, con intérprete de lingua de signos. Ademais, inauguraranse con este evento as retransmisións en directo deste ano, que unha vez máis cubrirán a través da canle de Youtube as citas previas máis importantes e tamén as procesións, que se desenvolverán do 24 ao 31 de marzo.
O link para seguir a retransmisión é o seguinte: https://www.youtube.com/watch?v=qDGeQO0d1Cc