Junta General de
Cofradías y Hermandades

SEMANA SANTA DE FERROL

A procesión do Carme sairá este sábado, ás 20:00h, da capela da Mercé

A Xunta Xeral de Confrarías e Irmandades da Semana Santa de Ferrol celebrará o vindeiro sábado día 15 a procesión en honor da Virxe do Carme. Trátase dun desfile que a entidade instituíu o pasado ano e que encaixa plenamente co carácter matinero da cidade. Na súa estrea en 2022 partiu da igrexa do Carme, pero nesta ocasión farao desde a capela da Mercé, despois de que no seo da Xunta se decidise seguir nisto a quenda que rexe tamén entre as cinco irmandades ferrolás para a elección de cartel cada ano.

Así, a procesión do Carme sairá o sábado ás 20:00horas da capela da Mercé. Bordeará a praza de Amboage ata a rúa Real, pola que seguirá cara a Ferrol Vello por Espartero. Discorrerá despois polas rúas Mercé e Socorro e a continuación polo Paseo da Mariña e Espírito Santo para entrar no Arsenal pola Porta do Parque. O desfile, que estará acompañado por la música de Acotaga, terminará alí cunha ofrenda floral no peirao do Arsenal na memoria de todas as persoas falecidas no mar, cunha lembranza especial para os que morren nas pateras intentando alcanzar o soño de ter unha vida mellor.

A Virxe do Carme quedará esa noite na Sala de Armas do Arsenal e situarase na mañá do domingo xunto á Cruz dos Caídos, presidindo os actos da Armada.

A Autoridade Portuaria organiza, coa colaboración da Xunta, a procesión marítima que terá lugar esa mesma tarde. As 19.00h sairá o desfile pola Porta da Cortina e irá bordeando o peirao ata o lugar de embarque, onde haberá espazo para que o público poida ver a procesión marítima desde terra ou no seu caso embarcar. Ao seu regreso, a retirada será na igrexa do Socorro.

A procesión da Virxe do Carme é unha tradición que quere consolidar a Xunta de Confrarías en Ferrol, despois de máis de 70 anos desde que se celebrou por última vez. Para iso, as irmandades encargaron ao imaxineiro Negrí Acevedo, autor tamén doutras tallas da Semana Santa ferrolá, a realización dunha imaxe de candeleiro que representa á Virxe do Carme co seu Neno en brazos. Estaba previsto que a estrea se producise antes, no verán de 2020, pero a pandemia trastornou os plans iniciais e atrasouse ata 2022.

Síguenos

Comparte