A Xunta Xeral de Confrarías e Irmandades informa da selección dunha fotografía de Alejandra Varela Tizón para ilustrar o cartel da Semana Santa de Ferrol 2023. A imaxe foi elixida a través dun concurso convocado pola Confraría da Mercé, á que lle tocaba este ano protagonizar o cartel, e nela aparecen a primeira liña de portadores da imaxe de Nosa Señora dos Cativos, coa campá e o martelo na man do mordomo.
Ao concurso presentáronse 11 obras e o xurado estivo formado por persoas da confraría e polo artista Suso Basterrechea. Alejandra Varela Tizón, a gañadora, é unha ferrolá de 45 anos, seguidora das procesións desde nena e afeccionada á fotografía. Recibiu encantada a noticia do fallo e segundo comentou, é un orgullo para ela formar parte, a través da súa imaxe, na historia da Semana Santa de Ferrol. O cartel será presentado na cidade o día 14 de xaneiro, como é habitual antes da feira Fitur de Madrid.