A Xunta de Confrarías da Semana Santa de Ferrol informa da próxima inauguración de catro Beléns do Nadal por parte de catro irmandades. As confrarías das Angustias e a Mercé abrirán os seus xa este venres, día 2, mentres que a da Soidade ten previsto facelo o 6 de decembro e a de Dolores, o 16.
Confraría das Angustias: o seu Belén estará no número 61 da rúa Real e abrirá do 2 de decembro ao 6 de xaneiro, de 18.00 a 20.30 horas. No mesmo local comercial levarase a cabo o “Escaparate Solidario”, unha acción xa tradicional para a irmandade nestas datas cuxo obxectivo é reunir alimentos non perecedoiros con destino á Cociña Económica.
Confraría da Mercé: o seu Nacemento estará, como o ano pasado, no número 42 da rúa Dolores e abrirá do 2 de decembro ao 6 de xaneiro, de 17.00 a 20.00 horas. No acto de inauguración, este venres, servirase un chocolate solidario e actuará o Coro Mosaico, formado por nenos e nenas do colexio Tirso de Molina.
Confraría da Soidade: abrirá o seu Belén no 49 da rúa Dolores. Funcionará do 6 de decembro ao 6 de xaneiro, de 17.30 a 20.30 horas, e tamén en sábados, domingos e festivos polas mañás, de 11.30 a 13.30h.
Confraría de Dolores: abrirá o seu Belén no 136 da rúa Real, do 16 de decembro ao 6 de xaneiro, de 18.00 a 20.30 horas.
Os catro serán de entrada gratuíta e en todos recolleranse doazóns do público que as confrarías entregarán ao terminar as festas a diferentes entidades de acción social, unha contribución que se sumará a que obteñan as irmandades a través dos concertos solidarios e outros actos que tamén organizan nestas datas. A Xunta de Confrarías vai editar uns sinxelos folletos, que distribuirá polas oficinas de turismo e os hoteis da cidade, coa información dos Beléns das súas irmandades e do da Orde Terceira, o de máis tradición da cidade, para contribuír a impulsar a tradición belenista de Ferrol e facilitar ao público o percorrido polos mesmos.