Junta General de
Cofradías y Hermandades

SEMANA SANTA DE FERROL

Sábado Santo: A Virxe das Angustias será portada a ombreiros na Procesión da Caridade e o Silencio

A Confraría das Angustias é a protagonista absoluta do Sábado Santo en Ferrol. A irmandade celebra a Procesión da Caridade e o Silencio, a única desta xornada, este ano coa importante novidade de que a imaxe da Virxe irá portada aos ombreiros. Recupérase con iso unha tradición que estivo vixente entre 1956 e 1992. Os portadores e portadoras, un total de doce, levarán a imaxe aos ombreiros e irán debaixo do trono, tapados co seu faldón, de maneira que non se lles verán máis que os pés.

Como sempre, Nosa Señora das Angustias irá neste desfile de loito e sen a imaxe do seu Fillo no colo –como sae na procesión do Xoves Santo-. Nesta ocasión –adoita suceder en anos alternos- irá vestida cun traxe de galega de veludo negro e con adornos de acibeche. Na procesión, os confrades fan un xuramento de silencio e van vestivos de loito rigoroso, sen capa e con capuz negro, sen repartir estampitas nin caramelos.

Desde as nove da mañá no santuario das Angustias, a Confraría abrirá as súas portas para recoller as esmolas que van depositar os fieis, Trátase dunha das tradicións máis arraigadas da Semana Santa de Ferrol. A xente deposita os seus donativos na arqueta de madeira tallada que se sitúa no altar, aos pés da Virxe, e recibe a cambio unha flor recollida dos tronos que saíron nos días anteriores.

Son numerosos os fieis que van ao longo de toda a xornada para facer os seus donativos. Tamén, para quen non poden achegarse persoalmente ao santuario de Esteiro, a irmandade anuncia que se poden realizar doazóns por transferencia bancaria á conta ES80 0238 8107 1106 0000 9100, indicando no concepto “Donativo arqueta”.

A procesión sae ás 20.00 horas e tras a súa retirada no interior do santuario un representante do Hospital de Caridade acode a golpear a porta para entrar e recoller o diñeiro dos fieis.

Está previsto facer dous streamings:

21.00h Retransmisión do paso pola rúa Madalena: https://www.youtube.com/live/aFpP7kxpij0?feature=share

22.30h Retirada: https://www.youtube.com/live/f48IPqWw-d4?feature=share