Junta General de
Cofradías y Hermandades

SEMANA SANTA DE FERROL

Domingo de Resurrección: As confrarías irmandadas celebran o Gozoso Encontro

As tres confrarías irmandadas da Semana Santa de Ferrol, Mercé, Soidade e as Angustias, celebran conxuntamente desde o ano 2004 o Gozoso Encontro e a Procesión da Resurrección, coa que culminan os actos da Semana Santa de Ferrol. Cada unha das irmandades pon en marcha un desfile, coas imaxes de María Magdalena, María Santísima da Luz e Xesús Resucitado, que se atopan na praza da Constitución.

Celébrase alí o Gozoso Encontro, no que este ano por primeira vez tomará a palabra o bispo da Diocese de Mondoñedo Ferrol, Fernando García Cadiñanos. É habitual que ao terminar o acto, no que adoita soar o Himno da Alegría, a maioría dos confrades se quiten o capuz en sinal de alegría para empezar a Procesión da Resurrección xa todos xuntos e coa cara descuberta. Procesión de María Magdalena ao encontro con Xesús Resucitado: sae ás 11.15h da capela da Mercé, coa imaxe propiedade da Soidade e obra de Juan José Negrí.

Procesión de Jesús Resucitado ao encontro coa súa Nai: a Confraría da Soidade inicia este desfile ás 11.45h, levando a imaxe de Xesús Resucitado. Atópase coa da Mercé e xa fan xuntas o percorrido ata a praza da Constitución. Procesión da Virxe da Luz ao encontro co seu Fillo: a Confraría das Angustias sae ás 12.00h. do seu santuario coa imaxe de María Santísima da Luz.

Estímase que o Gozoso Encontro será sobre as 12.30h. e que ao redor das 13.00h. comezará a Procesión da Resurrección. Este ano os confrades das Angustias non realizarán todo o percorrido ata a capela da Orde Terceira, senón que se desviarán pola rúa Coruña e regresarán ao seu santuario pola rúa Magdalena.

 

12.30h: Directo do Gozoso Encontro e a procesión: https://www.youtube.com/live/NWp_RPDIQas?feature=share