Tradición e modernidade únense, a través dunha fotografía de Jesús Romero Castro, no cartel promocional da Semana Santa de Ferrol 2024, que se desenvolverá do 24 ao 31 de marzo. A instantánea capta un momento da saída da procesión da Caridade e o Silencio da capela das Angustias, na tarde do Sábado Santo, cun penitente en primeiro plano do que chama a atención a tatuaxe do seu brazo e a venerada imaxe mariana ao fondo, como é habitual neste desfile vestida de negro e sen o seu Fillo.
O Casino Ferrolán acolleu esta mañá a presentación do cartel, un acto que contou coa presenza dos irmáns maiores e presidentes das cinco confrarías; coa concelleira de Turismo, Maica García, en representación do alcalde, e coa intervención do presidente da Xunta Xeral de Irmandades, César Carreño. Tocoulle abrir a quenda de intervencións a José Ramón Cancelo, presidente da Pontificia, Real e Ilustre Confraría das Angustias, que este ano protagoniza o cartel. Destacou que ao concurso convocado para elixir a imaxe se presentaron 92 traballos e felicitou ao gañador, Jesús Romero, por unha foto que aúna elementos esenciais para a súa irmandade como son os penitentes, a Virxe das Angustias, a procesión que se realiza tras unha xornada de recollida de esmola e o santuario.
Jesús Romero asegurou a continuación que é unha honra ilustrar este ano o cartel da Semana Santa de Ferrol, á vez que agradeceu a elección da súa fotografía á Confraría das Angustias e en xeral a todas as persoas que participan na Semana Santa de Ferrol. Destacou que o penitente que aparece na súa foto transmítelle unha “conexión única entre a crenza convencional e a identidade individual, ese contraste entre o tradicional e o actual”.
César Carreño agradeceu o apoio da Xunta, a Deputación, o Concello, a Armada e a Diocese á Semana Santa Santa de Ferrol e felicitou a Jesús Romero destacando tamén a unión entre a tradición e a devoción que representa a Virxe das Angustias, coa actualidade representada nese brazo tatuado do penitente. O presidente da Xunta de Confrarías aproveitou un ano máis este acto para subliñar a historia das procesións ferrolás a través dunha serie de efemérides, desde os 265 anos que se cumpren desde o encargo do peto de ánimas para o antigo templo de San Xiao, que se conserva na actual concatedral, ata os dez que se conmemoran neste 2024 desde o recoñecemento de Interese Turístico Internacional.
Carreño presentou na súa intervención o novo logo da Semana Santa de Ferrol, unha imaxe que a sintetiza nuns capuchones representados sobre a lúa chea de Venres Santo e uns guindastres dos estaleiros. “As nosas procesións están moi ligadas á Armada e aos estaleiros, e as xentes que chegaron para traballar neles procedentes de diferentes puntos de España. Persoas que se involucraron e fixeron desta Paixón unha amálgama de acentos e estilos diferentes. Nesa construción colectiva está a nosa identidade e a nosa singularidade”.
Por último, tomou a palabra Maica García, a concelleira de Turismo do Concello de Ferrol, que incidiu en que a Semana Santa de Ferrol reviste cada vez máis espectacularidade e que, ademais de ser un evento relixioso e cultural multitudinario, xera un gran movemento de nacionais e cada vez máis turistas internacionais pola cidade. “Desde o Concello só podemos estar agradecidos -dixo-: contarán sempre con todo o noso apoio”, sinalou, para terminar apuntando que nuns días viaxarán xuntos, representantes do Concello e da Xunta de Confrarías, para presentar o Fitur o evento e Ferrol como un destino turístico de primeira orde.
O evento retransmitiuse en directo. Podedes volver ver a retransmisión a través deste link: https://www.youtube.com/watch?v=qDGeQO0d1Cc