A Xunta de Confrarías e Irmandades acordou confiarlle á xornalista Marta Fernández Corral (Ferrol, 1985) o pregón da Semana Santa de Ferrol 2024, polo coñecemento e o amor que sempre demostrou cara ás procesións da súa cidade, nas que participou como confrade durante moitos anos e que comenta en directo desde que en 2019 que comezaron as retransmisións en streaming.
Marta Corral, como adoita asinar os seus traballos xornalísticos, é licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e cofundadora do xornal dixital Ferrol360, no que traballa desde 2013. Dentro da súa faceta como freelance, desde 2017 compaxina ese labor co seu traballo na edición nacional de El Español e coa elaboración de varios proxectos audiovisuais, entre os que están as citadas retransmisións das procesións de Semana Santa.
Con 7 anos entrou na Confraría de Dolores, no hoxe desaparecido Terzo da Alegría. Despois pasou a engrosar as filas do Terzo da Verónica, cando se refundou baixo a advocación de Santa Muller, Con 17 anos, en 2002, pasou ao Terzo de Portadoras da Santísima Virxe da Esperanza, no que estivo ata 2013.
A Xunta de Confrarías e Irmandades de Ferrol, que traballa xa intensamente na preparación da próxima Semana Santa, celebrará o acto de lectura do pregón o 16 de marzo de 2024 no teatro Jofre. Será o sábado anterior ao Sábado de Paixón. As procesións desenvolveranse do 24 de marzo, Domingo de Ramos, ao 31, Domingo de Resurrección.
O 13 de xaneiro presentarase o cartel e o 9 de marzo terán lugar a presentación do procesionario e a revista Ecce Homo, pola mañá, e o Vía Crucis, pola tarde.
Fotografía: Mangi Caldevilla