A Xunta Xeral de Confrarías e Irmandades da Semana Santa de Ferrol convoca para o próximo día 1 de outubro, ás doce do mediodía, un novo “paseo guiado” pola Ruta Confrade. O presidente da entidade, César Carreño, ocuparase de acompañar ás persoas que queiran participar na actividade por algúns dos lugares máis importantes da historia da Semana Santa na cidade.
O percorrido comezará na Praza Vella, ás 12.00 horas, e discorrerá polo barrio portuario, onde estaba a antiga igrexa de San Julián, epicentro das procesións e a vida das confrarías ferrolás ata a segunda metade do século XVIII. César Carreño encargarase de explicar como eran aqueles cortexos penitenciais, deténdose en diferentes puntos como a rúa da Mercé ou a igrexa do Socorro. O paseo avanzará despois pola rúa San Francisco para deterse na zona na que está a igrexa castrense, a capela da Orde Terceira e o lugar no que se situaba antigamente a igrexa de San Roque.
Para terminar a visita, César Carreño acompañará tamén a quen o desexe ao Museo da Semana Santa de Ferrol, ao que se accede polos xardíns de San Francisco.
A Xunta de Confrarías creou hai anos a Ruta Confrade, un percorrido que abarca 13 puntos da cidade relacionados co pasado e o presente da Semana Santa. Neste ano reeditáronse os folletos informativos sobre o devandito roteiro, que tiveron un grande éxito e houbo que repoñer en varias ocasións nas oficinas de turismo da cidade.