O escritor, xornalista e fotodocumentalista Ramón Loureiro (Fene, 1965) será en 2023 o pregoeiro da Semana Santa de Ferrol. A Xunta de Confrarías e Irmandades confioulle a este narrador portentoso -que vén de recibir este ano a homenaxe do Club de Prensa polos seus 25 anos de literatura, 35 de xornalismo e toda unha vida de escritura- o anuncio das procesións que terán lugar do 2 ao 9 de abril. O teatro Jofre voltará acoller este importante acto o día 25 de marzo.
Ramón Loureiro é creador dun universo literario único que vive no que él denominou a terra de Escandoi ou a última Bretaña, cuxo centro está na súa parroquia de Sillobre e que é herdeiro directo das historias que contaban as súas tres avoas –a nai morreu cando era neno, e dito papel exercérono a madriña Carme e a súa nai, máis a avoa por parte de pai-. A súa obra novelística comezou coa publicación de “Morgado” (1997), e continuou con “O corazón portugués” (2000) e “As galeras de Normandía” (2006), que foi considerada pola crítica unha obra mestra.
Na homenaxe que lle dedicou o Club de Prensa este ano, e que se desenvolveu nun acto ateigado de público na Sala Carlos III de Exponav, dicía o autor que o seu devezo é “tratar de vivir cos ollos abertos e dar testemuño do que vexo. Contar a verdade, que é un costume que se está perdendo. Tanto a realidade dos feitos como a dos soños, que é unha realidade máis á que se chega maiormente a través do corazón”. Nese contar a verdade está tamén a súa traxectoria xornalística, que desenvolveu no xornal La Voz de Galicia e na que sempre prestou atención ao acontecer na Diócese Mondoñedo-Ferrol.
É académico de número da Real e Pontificia Academia Auriense Mindoniense de San Rosendo e conta cos premios Julio Camba de xornalismo, e os literarios Julio Camba e Caminhos da Memoria –este último concedido pola Universidade de Minho-.
Fotografía: Gala Santalla