A Xunta Xeral de Confrarías e Irmandades acordou por unanimidade a concesión da súa Medalla de Ouro, a título persoal, ao vicealmirante Ignacio Frutos Ruiz, polo seu incondicional apoio e colaboración coa Semana Santa de Ferrol e pola súa cooperación na organización dos actos en honra da Virxe do Carme. Como é habitual, a distinción entregaráselle no acto de lectura do pregón da Semana Santa de 2024, que se celebrará o 16 de marzo no teatro Jofre.
Ignacio Frutos Ruiz (Madrid, 1960) ostenta desde xullo de 2021 o mando do Arsenal Militar de Ferrol, cidade á que está ligado por lazos familiares e pola súa propia profesión. Aquí tivo varios destinos antes que o actual e é a cidade na que máis tempo residiu. É confrade do Santo Enterro desde hai anos, polo que a súa vinculación coa Semana Santa é activa e directa.
A súa colaboración, tras ser nomeado almirante do Arsenal, foi determinante para configurar a procesión que celebra a Xunta de Confrarías na véspera da festividade da Virxe do Carme, tal como vén facendo desde o ano 2022. Así, a Xunta de Confrarías celebra unha procesión que termina no Arsenal, onde a imaxe permanece ata o día seguinte para presidir os actos da Armada en honra da súa patroa. No programa participa tamén a Autoridade Portuaria, coa que ao día seguinte se celebra a procesión marítima.
Con anterioridade á concesión da Medalla de Ouro ao vicealmirante Ignacio Frutos, a Xunta de Confrarías e Irmandades da Semana Santa de Ferrol outorgara tamén esta distinción a Alfredo Martín, ao Terzo Norte de Infantería de Mariña e á súa predecesora a Coordinadora de Confrarías nas persoas de Mario Villaamil, Félix Sande e Meca Arcos, que a presidiron.
