Junta General de
Cofradías y Hermandades

SEMANA SANTA DE FERROL

A Escolanía da Catedral de Santiago cantará no pregón da Semana Santa 2025

A Xunta de Confrarías e Irmandades contará coa actuación da Escolanía da Catedral de Santiago para poñer o capítulo musical do pregón da Semana Santa 2025. Tal como se anunciou, o pregón será pronunciado polo xesuíta e sacerdote Daniel Cuesta Gómez no teatro Jofre, o día 5 de abril ás 19.30h.

O coro catedralicio foi refundado polo Cabildo no ano 2008, pero a súa historia remóntase ao século XII, cando xa hai referencias da Capela Musical que acompañaba os actos litúrxicos na Catedral de Santiago, e chega ata a década dos 70 do século XX, cando se disolveu. Actualmente está dirixido pola ferrolá Sofía Rodríguez Fernández e integrado por uns 40 nenos e nenas con idades comprendidas entre os 9 e os 17 anos. A filosofía da Escolanía é a dun centro de canto coral e lugar de formación tanto musical como de novas voces, por iso é polo que mantén un convenio de colaboración co Conservatorio Histórico de Santiago e que conta coa soprano Mercedes Hernández como profesora de canto.

Na súa etapa actual ten interpretado obras como a 3ª Sinfonía de Mahler, “On Christmas Night” de Vaughan Williams, “Stabat Mater” de Pergolesi e o “Crebanoces” de Tchaikovski, xunto a orquestras como a Real Filharmonía de Galicia. Tamén actuou con directores como Paul Daniel e Maximino Zumalave, e con cantantes como Claudia Huckle, Mercedes Hernández, Antonio Fajardo e María Altadill. Así mesmo, cantou con grupos de renome como Resonet, en festivais como o de “Músicas Contemplativas” e o Festival Internacional “Peregrinos Musicais”, e con agrupacións como a Banda Municipal de Santiago, e a Orquestra Praeludium. Cabe apuntar a súa actuación en acontecementos tan relevantes como a visita do Papa Bieito XVI a Santiago. É destacable a súa representación da ópera Brundibár, do checo Hans Krasa, sendo Cándido Pazó o director de escena e monologuista, e a súa actuación co cantante Amancio Prada, interpretando “Cántico Espiritual”. Compartiu escenario con coros como o da Comunidad de Madrid, os Nenos Cantores da Sinfónica de Galicia, o Xeorxia Boy Choir e a Escolanía de Lluc. Na celebración do seu quinto aniversario publicou o disco “Á Porta do Paraíso”.