A Xunta de Confrarías e Irmandades ofreceu esta mañá unha rolda de prensa para valorar unha Semana Santa “extraordinaria, cun seguimento multitudinario, que confirmou o enorme tirón turístico do evento e a súa transcendencia económica para a cidade de Ferrol. O presidente da entidade, César Carreño, evitou aventurar unha cifra de visitantes pero subliñou que todos os desfiles tiveron público desde o principio ata o final do seu percorrido, unha circunstancia excepcional. “E en xeral temos que dicir que houbo unha actitude de respecto da xente, é dicir, que o ambiente foi moi positivo”, sinalou.
Carreño comentou que o Domingo de Ramos estaban case esgotados os procesionarios nas Oficinas de Turismo. Quedaron curtos os 17.000 exemplares de procesionarios e os 5.000 da revista Ecce Homo, que tamén se repartiu gratuitamente a través das Oficinas de Turismo. O presidente da Xunta de Confrarías lembrou que “pensamos que a pandemia ía abrir unha crise difícil de superar”, pero se veu que “xa o ano 2022 foi extraordinario e a impresión é que este foi aínda mellor”.
Un ano máis, a Xunta de Confrarías retransmitiu todas as procesións e as recollidas máis emblemáticas do programa de actos Por primeira vez os streamings realizáronse a través da canle de Youtube, que sumou preto de 600 subscritores no último mes. Realizáronse 35 vídeos, entre os directos das procesións e as entrevistas con responsables das cinco confrarías, que xunto aos anteriores da presentación do cartel, a revista e o procesionario, o certame de bandas e o pregón suman un total de 40 retransmisións nesta semana Santa de Ferrol 2023, con máis de 73.200 visualizacións.
Funcionou tamén con éxito a canle de difusión de Whatsapp, a través do cal se informou día a día da axenda de actos e notificouse o comezo de cada retransmisión en directo. A Semana Santa comezou con 600 altas nesta canle e terminou con máis de 1.100. Afortunadamente non foi necesario advertir de ningunha suspensión, do mesmo xeito que en 2022. As redes sociais, que a Xunta de Confrarías mantén durante todo o ano coa publicación de contidos a diario, tiveron tamén un especial auxe durante a Semana Santa.
A páxina de Facebook tivo un alcance de preto de 41.000 persoas nos últimos 28 días, 62.228 interaccións e 270 novos seguidores. En Instagram o número de seguidores aumentou un 13% nas mesmas datas ata chegar a 2.333 e foron 14.500 as contas alcanzadas. En Twitter, a outra rede social na que ten presenza a Xunta de Confrarías, sumou no último mes 63.300 impresións e os seguidores alcanzaron os 969.
César Carreño agradeceu os comentarios que moitas persoas fixeron chegar á Xunta, a través das redes sociais ou a canle de Whatsapp, recoñecendo o esforzo realizado e manifestando que grazas ás retransmisións puideron seguir as procesións a pesar de estar lonxe de Ferrol ou ter problemas de mobilidade.
Na rolda de prensa participaron tamén os irmáns maiores das confrarías das Angustias, Soidade e Dolores, José Ramón Cancelo, José Manuel Evia e José Ángel Vázquez Freire, así como o secretario da Xunta de Confrarías, Fernando Iguacel. Todos destacaron que foi unha Semana Santa moi positiva, na que se cumpriu puntualmente con todos os actos.
José Ramón Cancelo informou de que a recadación para o Refuxio Pardo de Atín na recollida de esmola do Sábado Santo foi de 5.524€, superior a anos anteriores. En relación ás procesións das Angustias, sinalou que o cambio de itinerario realizado por uns recentes derrubes na rúa Carlos III quizá quede xa definitivamente no desfile do Xoves Santo, posto que o paso por Fernando VI, unha rúa máis ancha, resultou máis lucido.
O irmán maior da Confraría da Soledad, José Manuel Evia, agradeceu o traballo de Protección Civil e destacou que na mañá do Domingo de Resurrección o seu persoal foi limpando os cristais do percorrido da procesión, antes do seu paso. Carreño coincidiu en agradecer o despregamento de Protección Civil e expresou tamén o recoñecemento da Xunta polo apoio da Xunta, a Deputación, o Concello de Ferrol, a Policía Local e forzas de seguridade do Estado, así como persoal municipal de limpeza, xardíns, obras… Agradeceu, para terminar, as mensaxes de felicitación que lle enviaron o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e os representantes dos grupos municipais do PP e Ferrol en Común.
Na rolda de prensa destacouse que agora, tras a Semana Santa, ábrese un período no que tradicionalmente se producen novas altas nas irmandades e nas bandas e agrupacións musicais de música confrade. Lembrouse que a actividade das confrarías non se cingue á organización das procesións, senón que desenvolven ao longo do ano outras moitas accións entre as que destacan as de corte solidario. No curto prazo están a organización da procesión das Angustias, o 4 de xuño; a procesión do Corpus, o próximo 11 de xuño, e a do Carmen, o 15 de xullo.
Ponse tamén xa en marcha o traballo para a Semana Santa do ano que vén. Ao fío disto, Fernando Iguacel suxeriu que o horario dos buses lanzadeira do Concello poderían axustarse mellor aos horarios das retiradas das procesións. Citou, como exemplo, que o luns e o martes funcionaron desde as oito da mañá ata as dez da noite e que ese horario podería atrasarse para que a xente poida asistir á recollida dos desfiles deses días.