Junta General de
Cofradías y Hermandades

SEMANA SANTA DE FERROL

As confrarías publican o balance social de 2022: máis de 15.000€ e máis de catro toneladas de alimentos

A obra social das confrarías e irmandades da Semana Santa de Ferrol saldouse, ao longo de todo o pasado ano 2022, coa recadación de 15.262,47€ e a recollida de 4.140 quilos de alimentos que foron canalizados cara ás familias desfavorecidas da zona de Ferrol a través de diferentes ONG. A Xunta de Confrarías que preside César Carreño quixo facer público o balance das actividades solidarias, tras a primeira reunión deste 2023, e expresar o seu recoñecemento e agradecemento a todos os confrades, homes e mulleres, que colaboraron desinteresadamente nas diferentes accións.

Sen excepción, todas as confrarías e irmandades da Semana Santa de Ferrol consignan a caridade, dentro dos seus estatutos, como un dos seus fins principais. Así, ao longo do ano son múltiples as accións que emprenden para reunir diñeiro ou doazóns en especies que contribúan a paliar as situacións de necesidade que existen na súa contorna máis próxima.

Escaparates que se enchen de víveres, cafés solidarios, ceas benéficas, venda de rifas, concertos…. son algunhas das accións que levan a cabo ao longo do ano, con especial profusión en datas próximas ao Nadal. Os fondos recolleitos canalizáronse durante o pasado ano aos seus destinatarios finais a través de Cáritas Diocesana, a Cociña Económica, o Refuxio Pardo de Atín, o Banco de Alimentos Rías Altas, o Padroado Concepción Arenal e a Unidade Pastoral de Ferrol-Centro.

Á marxe deste balance, os confrades son habituais colaboradores doutras campañas impulsadas por diferentes entidades, por exemplo a Gran Recollida que organizan cada ano os Bancos de Alimentos.