A imaxe do arco de campá do trono da Mercé que ilustra o cartel da Semana Santa de Ferrol 2023 converteuse esta mañá no símbolo da chamada para vivir intensamente as procesións que se sucederán na cidade do 2 ao 9 de abril. O Casino Ferrolán acolleu a presentación do cartel, que a próxima semana viaxará a Fitur, nun acto organizado pola Xunta de Confrarías que marca cada ano o inicio do curso confrade e que contou como é habitual con numeroso público.
A cita reuniu a un gran número de autoridades. Así, ademais do presidente da Xunta, César Carreño, tomaron a palabra a deputada provincial Ana Lamas; a delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros; o primeiro tenente de Alcalde do Concello de Ferrol, Antonio Golpe; e por último o bispo diocesán, Fernando García Cadiñanos.
De entrada, con todo, o protagonismo foi para a autora da fotografía que ilustra este ano o cartel, Alejandra Varela Tizón, que expresou a súa gratitude. “Estou a vivir un soño”, dixo esta afeccionada á fotografía e seguidora fiel da Semana Santa da súa cidade. “O toque de campá é a comunicación que se establece entre o mordomo e os portadores e tamén co público”, sinalou, apuntando ao simbolismo “da chamada” que, para ela tamén, ten o cartel deste ano. “Hoxe é o día no que emocionalmente todo comeza de novo”, dixo a continuación Helena Pena, irmá maior da Confraría da Mercé, que destacou “a fotografía sen artificios, a imaxe limpa e con forza” que seleccionou a irmandade a través dun concurso.
César Carreño destacou na súa intervención o trinta aniversario “dá union de cinco irmandades” e reivindicou a importancia que a Xunta de Confrarías e Irmandades tivo ao longo destas tres décadas e no momento actual. “Todo foi grazas á unión dos ferroláns, das institucións, dos confrades e das irmandades –dixo- e nos tempos que vivimos a unión segue facendo forza”.
Interviñeron a continuación a deputada provincial Ana Lamas, que subliñou o “revulsivo tremendo” que é a Semana Santa para a economía e o turismo de cidade de Ferrol e a súa contorna, e Martina Aneiros, a delegada territorial da Xunta, que encomiou o “traballo colectivo” que está detrás da Paixón ferrolá e os seus máis de 400 anos de historia. “Falamos de relixión, pero tamén de turismo e cultura”, dixo Aneiros, que terminou apelando ao espírito de unión que ha de guiar tamén ás institucións no seu apoio.
Antonio Golpe, primeiro tenente de alcalde do Concello de Ferrol e concelleiro de Cultura, lembrou que o pasado ano a cidade recibiu máis de 350.000 visitantes durante a Semana Santa e felicitou á Xunta de Confrarías polo seu traballo non só na organización das procesións, senón tamén nas súas obras sociais. Lembrou o recente balance que fixo público a Xunta, sinalando que durante o pasado ano reuníronse máis de 15.000€ e máis de catro toneladas de alimentos para familias necesitadas da zona.
Pechou a quenda de intervencións o bispo diocesán, Fernando García Cadiñanos, que comezou asegurando que gozou moito o pasado ano da súa primeira Semana Santa de Ferrol e felicitando á autora da fotografía. “E felicito a todas as confrarías e a cada un dos confrades, polo seu quefacer, o seu traballo non só reducido ao ámbito da Semana Santa, senón en todas as súas dimensións”. Aludindo ao tema do cartel, o bispo terminou facendo “unha chamada a que non se nos esqueza o que celebramos e que ese toque de campá nos leve a vivir con autenticidade o que é o espírito confrade”.
Ao acto, que foi presentado por Fernando Iguacel, secretario da Xunta, asistiron os presidentes e irmáns maiores de todas as confrarías, así como o consiliario Cándido Otero e representantes da práctica totalidade das formacións políticas con representación no Concello. O acto retransmitiuse por streaming a través de Youtube –http://ow.ly/g37450MmvL3– e contou con intérprete de lingua de signos.