Gozar da arte e a música á vez, nunha experiencia de sinestesia única, é a proposta da exposición “A arte e os seus sons a que soan os cadros?” que ofrecerá ao público a Confraría da Mercé do 17 ao 19 de marzo. A irmandade mostrará parte do proxecto AcercArte, da moza Eva Cayetana Somolinos Olmo, que consiste en contemplar reproducións de importantes obras pictóricas da historia da arte ao mesmo tempo que se escoita unha composición musical expresamente creada para cada unha delas.
Eva Cayetana Somolinos Olmo recibiu nos últimos anos diferentes premios e recoñecementos por este proxecto persoal, que se poderá gozar no preámbulo da Semana Santa de Ferrol. Esta ex alumna do Tirso de Molina combina a formación nos ámbitos da música e a arte. É graduada polo Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño de Ferrol, nas especialidades instrumentais de viola e piano, así como estudante de Arte, e para o seu proxecto AcercArte compuxo música para 27 obras, das cales seis chegarán á mostra da Confraría da Mercé.
Concretamente, na capela do Tirso colgaranse seis cadros de carácter relixioso (O Xardín das Delicias, do Bosco; A Anunciación, de Fra Angélico; A adoración dos Magos, de Rubens; O lavatorio, de Tintoretto; A Última Cea, de Juan de Juanes, e Agnus Dei, de Zurbarán). Ao entrar e comprar a entrada, o público recibirá uns auriculares, cos que poderá sentar diante de cada obra –os bancos da igrexa dispoñeranse adecuadamente para iso- e contemplala coa vista e os oídos.
A mostra inaugurarase o día 17, ás 17.00h, e estará aberta ese venres ata as 21.00h, o sábado de 12.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00h e o domingo pola tarde, de 16.00 a 21.00h. O prezo da entrada será de 3€.