Junta General de
Cofradías y Hermandades

SEMANA SANTA DE FERROL

As mulleres que levaron a Semana Santa de Ferrol á primeira fila da igualdade

Con motivo do 8M, a data na que reivindicamos o desenvolvemento pleno da muller e a súa participación en pé de igualdade en todas as ordes da sociedade, reunimos a cinco mulleres confrades para tomar un café, charlar e celebrar con elas o seu papel fundamental na nosa Paixón. Vaia, con este artigo, a homenaxe da Xunta Xeral de Confrarías e Irmandades a todas as mulleres que participaron e participan na Semana Santa de Ferrol.

Acoden puntuais e case non fan falta presentacións. Son, por orde de chegada:

Pilar Rodríguez-Tenreiro Sánchez, 38 anos, confrade da Irmandade do Santo Enterro. Actualmente é chanceler no consello de goberno e antes desempeñou outras responsabilidades.

Mimí Alonso, 67 anos, confrade da Mercé. É mordomo do Cristo e vogal de Culto nunha xunta de goberno que actualmente ten seis mulleres, entre elas a irmá maior, e dous homes. Tamén foi portadora durante uns anos.

Claudia Grande Beceiro, 22 anos, confrade das Angustias desde que tiña tres anos. Está á fronte do Grupo Novo e é vocal de Mocidade na Xunta de Goberno. Ademais, é portadora da Esperanza na Confraría de Dolores.

Rosa López dos Reyes, 58 anos, confrade da Soidade. É vocal de Obra Social dentro da Xunta de Goberno e portadora.

Emma Domínguez Acebo, 50 anos, confrade de Dolores. Actualmente é organizadora do Terzo do Nazareno e foi das portadoras pioneiras na irmandade.

Todas abriron camiño e son protagonistas do proceso polo que as confrarías penitenciais de Ferrol están entre as primeiras de España en igualdade. Niso hai unanimidade: “Levou tempo, pero a nosa Semana Santa é pioneira nese sentido –comenta Rosa-, porque en Andalucía ven a unha moza portando un trono e dálles un ataque”. “No Santo Enterro de Sevilla as mulleres entraron como nazarenas en 2011”, pon Pilar como exemplo, en contraposición coa súa irmandade, na que están como confrades de pleno dereito desde os anos 80.

Pero tamén é verdade que houbo que superar escollos. Emma lembra cando con 15 anos “metíase” debaixo do banzo, alí onde vía oco. Foi antes de que se creara a primeira dotación de portadoras, a da Esperanza, en 1995. “As mozas empezamos a portar antes, con vaqueiros, en dotacións mixtas. E si, oíase aquilo de que non queremos nenas, porque dicían que as nenas non cargan”, lembra.

Era cuestión de quilos? “Tampouco podiamos levar a Custodia no Corpus”, comenta Mimí, “dicían que non quedaba bonito”. Corrobórao Rosa, que con Luís Anxo das Heras de bispo diocesán, pouco antes da pandemia, foi parte dunha dotación mixta da Soidade para levar a Custodia. “Ata o último momento dicíannos que non ía poder ser”, lembra. Mesmo Claudia, a máis nova, viu como nunha procesión decidiuse que fosen só homes. “Porque quedaba máis serio, dixeron”.

“As mulleres somos as que tiramos sempre para diante e non nos amedrentamos”, “basta que nos digan que non podemos…”, “nós dentro da confraría lixamos máis, cargamos máis, botamos máis horas”… a conversación flúe animadísima, con moitas risas, e crúzanse diferentes opinións sobre se as mulleres portan de maneira diferente que os homes, se se nota ou non cando a dotación é feminina. Sobre esta cuestión non hai unanimidade.

Si coinciden de novo no importante que é o compañeirismo, non só dentro de cada confraría, senón tamén entre diferentes irmandades. “Moitas veces axudámonos, e por exemplo á dotación de portadores da Soledad veñen homes e mulleres doutras confrarías”, comenta Rosa. “O bo é que non sexamos compartimentos estancos, porque a todos e todas nos une o mesmo sentimento”, asevera. “Somos a Semana Santa de Ferrol”, apostila Mimí.

Non podemos estar máis de acordo. Feliz día da muller a todas as confrades!