A Xunta Xeral de Confrarías e Irmandades da Semana Santa pon en marcha a campaña para captar doazóns de establecementos de comercio e hostalería. Trátase, lembra a Xunta, dun evento que repercute moi positivamente nos negocios da cidade, polo que son moitos os que contribúen para apoiar o esforzo que realizan as confrarías e irmandades.
Despois de dous anos nos que se suspendeu esta iniciativa pola pandemia e tras o pasado 2022, no que se celebraron de novo con enorme éxito todas as procesións, a entidade ten preparadas xa os adhesivos que acreditarán aos negocios que colaboran economicamente co evento.
Os establecementos recibirán estes días unha carta da Xunta de Confrarías na que se indica o nome e o número de DNI da persoa que está acreditada para recoller os donativos. Incídese nela en que non se entregue diñeiro a ningunha outra persoa.
Aqueles negocios que non reciban dita carta e que queiran contribuír coa Semana Santa de Ferrol poden dirixir un mail a semanasantadeferrol@gmail.com, para recibir información e a visita da persoa acreditada.
A Xunta irá publicando nas súas redes sociais a relación dos establecementos colaboradores (non a cantidade que achegan), co fin de agradecerlles o seu apoio.