A Xunta Xeral de Confrarías e Irmandades da Semana Santa de Ferrol celebrará o próximo 21 de marzo, a partir das 20.00 horas, o seu tradicional Vía Crucis. Nesta ocasión, o percorrido estará presidido pola imaxe do noso Pai Jesús Nazareno da Confraría das Angustias e comezará e terminará no santuario de Esteiro. Trátase dunha procesión que a Xunta de Confrarías organizou por primeira vez no ano 2010 coa finalidade de completar a vivencia da Coresma, lembrando o percorrido de Xesús no seu camiño ao Calvario.
As estacións do Vía Crucis rezaranse no interior do santuario de Esteiro, antes da saída da procesión. A continuación, a comitiva baixará polo paseo de Pablo Iglesias, avanzará polas rúas do Carmen, Galiano, praza de Armas e Terra e enfilará logo o Cantón de Molíns e o paseo de Pablo Iglesias de novo para retirarse no santuario das Angustias. Como é habitual, organizaranse diferentes dotacións de portadores, con 18 persoas en cada un, que realizarán quendas para levar a imaxe do Noso Pai Xesús Nazareno. O acompañamiento musical correrá a cargo da Banda de Cornetas, Tambores e Gaitas da Confraría das Angustias.
O Vía Crucis da Xunta de Confrarías é outro dos actos importantes no preámbulo da Semana Santa de Ferrol. Cabe lembrar as seguintes datas publicadas xa: o día 28 de marzo, ás 19.00h, presentarase unha nova edición da revista Ecce Homo e o procesionario deste ano, no antigo Hospicio, e o 5 de abril, ás 19.30h no teatro Jofre, darase o pregón.