Junta General de
Cofradías y Hermandades

SEMANA SANTA DE FERROL

A Xunta de Confrarías celebra este venres o seu Vía Crucis, presidido por Xesús da Humildade

A Xunta Xeral de Confrarías e Irmandades da Semana Santa de Ferrol celebrará este venres, día 27, un Vía Crucis. Trátase dun acto de Coresma que a entidade vén organizando desde 2010 e que está plenamente consolidado no calendario de citas que configuran cada ano o preámbulo da Paixón ferrolá. Noso Pai Xesús da Humildade, da Confraría da Mercé, será a imaxe que encabece a procesión polas rúas de Ferrol, tras o rezo das estacións que se realizará en primeiro lugar, a partir das 20.00h, no interior da capela mercedaria.

A procesión do Vía Crucis irá polas rúas María, Méndez Núñez, Real, Coruña, Dolores, Méndez Núñez, María e retirada na capela mercedaria. Diferentes dotacións formadas por confrades que se presentaron voluntariamente para iso irán sucedéndose baixo os banzos para levar o paso. O acompañamento musical do percorrido correrá a cargo de Acotaga.

Desde a Xunta de Confrarías infórmase aos confrades e aos fieis que queiran acudir que deberán levar candeas. Tamén estarán á venda na capela da Mercé.

O Vía Crucis encádrase no programa Coresma Confrade Ferrol 2026 impulsado pola Delegación Episcopal de Confrarías da Diocese de Mondoñedo-Ferrol, que incluirá tamén un acto de oración o próximo día 12 de marzo. A cita, baixo o lema “Con María aos pés da Cruz”, celebrarase o xoves 12 de marzo, ás 20.00h, na igrexa de Dolores.