A Xunta Xeral de Confrarías e Irmandades de Ferrol presentará o vindeiro sábado, ás 12.00 horas no Casino Ferrolán, unha nova edición da revista Ecce Homo e o procesionario da Semana Santa 2024, que se desenvolverá entre o 24 e o 31 do presente mes de marzo. Como xa é habitual nos actos previos e tamén nas procesións, o evento retransmitirase por streaming, a través da canle en Youtube da Xunta de Confrarías.
A revista Ecce Homo ábrese nesta edición cun artigo que rememora a consecución do título de Interese Turístico Internacional, concedido á Semana Santa de Ferrol hai unha década. Séguenlle colaboracións asinadas por Marina Loureiro, Rosa Méndez Fonte, a imaxineira Ana Rey, Antonio Sixto García, Alberto Lens Tuero e José Ramón Soraluce Blond sobre diferentes temas relacionados co patrimonio e a historia da Paixón ferrolá. A publicación recolle, ademais, o pregón pronunciado polo escritor e xornalista Ramón Loureiro o pasado ano, así como unha selección da colección de fotografías que dedicou nos anos 90 á Semana Santa de Ferrol.
Como xa é habitual nos actos organizado pola Xunta de Confrarías, participará no evento unha intérprete de linguaxe de signos.
No acto entregaranse exemplares da revista e do procesionario aos asistentes, aínda que nos días seguintes repartiranse de balde a través das oficinas de turismo da cidade, o Concello, hoteis e establecementos colaboradores da Semana Santa. Publicáronse na Imprenta Provincial 7.000 exemplares da revista e 15.000 procesionarios, así como 1.000 carteis.