Junta General de
Cofradías y Hermandades

SEMANA SANTA DE FERROL

O Santuario das Angustias amplía o seu horario para acoller a peregrinos e fieis

Por iniciativa do bispo diocesano, monseñor Fernando García Cadiñanos, e grazas á dispoñibilidade da comunidade dos PP. Claretianos e da confraría, o santuario da Nosa Señora das Angustias de Ferrol permanecerá aberto durante máis tempo para permitir a acollida e a oración de peregrinos e fieis. Trátase de crear un espazo aberto no centro da cidade que posibilite a todos os que o desexen poder atopar a igrexa aberta, así como algunha persoa que facilite a acollida e a atención.

Desde o pasado 1 de maio, e coincidindo co mes dedicado á Virxe María, o santuario permanecerá aberto, nos días laborables, desde as 8:30 ata as 12:30 horas. Nesa franxa horaria sempre haberá un sacerdote ao dispor de quen o desexe para confesarse, escoitar, informar, bendicir aos peregrinos, acoller a quen o desexe. Polas tardes, o horario de apertura será de 17:30 a 19:00 horas. Nesta franxa horaria, un membro da confraría das Angustias estará na igrexa facilitando un clima de oración, e dirixindo o rezo do rosario á Virxe das Angustias e a oración co evanxeo diario ás 18:00 horas.

As eucaristías no santuario mantéñense nos horarios que ata o de agora había: 9:00 e 12:00 horas, nos días laborables; e 9:00 e 13:00 horas nos días festivos.

Desta maneira a cidade de Ferrol asegúrase un lugar permanente de escoita e de atención ao sacramento da penitencia. Son moitos os peregrinos que pasan por esta porta, á beira de o Camiño Inglés. Ademais, a Virxe das Angustias é unha das imaxes que máis devoción ten entre os ferroláns. Foi coroada canonicamente en 2022.

Síguenos

Comparte