As catro procesións que se celebrarán na tarde do Mércores Santo son a sinal da intensidade que comeza a cobrar a Semana Santa de Ferrol no preludio dos días grandes, Xoves e Venres Santo. Nesta xornada, a Confraría da Mercé abre o programa coa Procesión da Nosa Señora dos Cativos e o Santísimo Cristo Redentor, que comezará ás 19.00 horas. Neste 2023 cúmprense 65 anos desde que a procesión da Nosa Señora dos Cativos, “a Cativa” ou a “Virxe Branca”, saíu por primeira vez independizada da Confraría de Dolores –antes facíao na noite do Xoves Santo, coa procesión do Santísimo Cristo da Misericordia-.
Para celebrar esta efeméride, a irmandade mercedaria contará nesta procesión coa banda de gaitas Terra de Trasancos, pertencente ao Real Coro Toxos e Froles, entidade coa que a confraría mantén unha especial vinculación. Tamén tocará nesta saída a Agrupación Musical do Santísimo Cristo da Morte e Acotaga. Esta última banda protagoniza un momento emblemático da Semana Santa ferrolá cando interpreta, na retirada da “Virxe Branca”, a peza “Líbrame” expresamente creada para ela.
Só media hora despois, ás 19.30 horas, sairá a Procesión do Cristo dos Navegantes da igrexa do Socorro, en Ferrol Vello, tradicionalmente ligada ás xentes do mar. Por segundo ano consecutivo a Confraría da Soidade organiza este desfile, que a pesar diso conserva o seu sabor popular, sen capuchóns e con veciños e fieis seguindo espontaneamente a emblemática imaxe.
O Cristo dos Navegantes sairá este ano por primeira vez portado aos ombreiros, tanto por confrades como por persoas -do barrio e mesmo algún ferrolán que vive fóra- que manifestaron o seu interese por participar. O percorrido variará como consecuencia das obras, pero seguirá entrando no Arsenal Militar. Irá polo paseo da Mariña, Irmandiños, entrada ao Arsenal pola Porta do Parque e saída pola Cortina, paseo da Mariña e retirarada na Igrexa do Socorro.
Esta procesión irá acompañada pola Unidade de Música do Terzo Norte, que durante o percorrido polo interior do Arsenal adoita interpretar márcha “Esperanza Mariñeira”, obra de Abel Moreno.
A Confraría das Angustias celebra na tarde do Mércores Santo a súa segunda saída da Semana Santa. Trátase da Procesión do Cristo do Perdón e María Santísima dos Desamparados, un desfile que se incorporou en 1986 ao procesionario por iniciativa de catro confrades da irmandade, que espontaneamente sacaron nunhas andas a talla de Cristo do Perdón, obra de Guerra Felipe. O acompañamento musical deste desfile correrá a cargo da agrupación Nosa Señora do Nordés (OJE), da Banda Municipal de Oza-Cesures e da Banda das Angustias.
A Confraría de Dolores pechará o programa do Mércores Santo coa súa Procesión da Penitencia, na que é característica o gran número de penitentes que portan cruces e cadeas. A comitiva sae ás 21.45 horas do corralón, en cuxo interior se celebra uns minutos antes un acto penitencial para os confrades. Os timbaleros de Acotaga e a Banda Municipal de Narón poñerán o acompañamento musical.
Streamings do Mércores Santo, a través da canle da Xunta de Confrarías en Youtube:
18.30h Entrevista Confraría da Mercé: https://www.youtube.com/live/tUjAiQO9Gcs?feature=share
Procesión da nosa Señora dos Cativos:
19.00h Saída: https://www.youtube.com/live/DYtZdC8vD8M?feature=share
19.45h Paso por rúa Magdalena: https://www.youtube.com/live/0tg26cZIa3Q?feature=share
20.15h Recollida https://www.youtube.com/live/p-AGkVBhjLM?feature=share
19.45h Procesión do Cristo dos Navegantes: https://www.youtube.com/live/VVag0yvW0Ac?feature=share
22.00h Procesión do Cristo do Perdón e María Santísima dos Desamparados. Conexión ao seu paso pola rúa Magdalena.
https://www.youtube.com/live/7YZ3eWYsvj8?feature=share
23.00h Procesión dá Penitencia. Conexión ao seu paso pola rúa Magdalena. https://www.youtube.com/live/6ZFNYRSY2E0?feature=share