A Capela da Orde Terceira acollerá do luns 28 de abril ao venres 2 de maio, ás 6 da tarde, os actos en honra ao santo avogado das causas urxentes ou imposibles. A celebración do quinario será presidida polo arcipreste de Ferrol Cándido Otero.
Non é un santo franciscano, pero desde inicios do século XX está presente na capela dos terciarios ferroláns. A súa chegada puido deberse máis á devoción particular da familia Jofré quen erixiu o altar lateral nesta igrexa para honrar ao santo patrón de Don Joaquín. Deste xeito, acompañando a fermosa talla da súa hornacina central, á súa dereita decidiron situar unha pequena talla de San Expedito, un santo que desde a súa chegada á cidade levanta grandes devocións por ser, a xuízo dos devotos, moi milagreiro.
San Expedito foi un novo mártir católico armenio que viviu nos tempos do emperador Diocleciano, sendo comandante da Lexión XII, denominada Fulminata. O seu nome en latín significa “prontitude”, “rapidez”, por iso tenlo como gran e pronto intercesor das causas de rápida solución. Este militar converteuse ao cristianismo o que lle supuxo ser martirizado o 19 de abril do ano 303.
Armenia foi unha das primeiras rexións en recibir os ensinos dos apóstolos Judas Tadeo, Simón e Bartolomeu, como así tamén un lugar de innumerables persecucións aos cristiáns.
Na talla, que xa está situada nun altar de culto no presbiterio da capela, pódese observar como o santo está a pisar a un corvo, símbolo do mal, e como na cruz que levanta coa súa man pódese ler a palabra “Hodie”, é dicir, “hoxe”. Isto débese a que o santo nos convida a non postergar as nosas obrigacións, senón que debemos asumilas de inmediato. O refraneiro resumiríao coa sentenza “Non deixes para mañá o que poidas facer hoxe”: quizais por iso a San Expedito considéraselle o patrón das causas urxentes;das causas imposibles pero tamén é o protector dos militares, os estudantes, os mozos e os viaxeiros.
Sendo a capela da Orde Terceira unha parada obrigada para os peregrinos do Camiño Inglés, non deixa de sorprender aos terciarios, a gran cantidade de estranxeiros que coñecen a este santo que foi restaurado recentemente pola empresa PROARTE. Deste xeito, os terciarios franciscanos continúan co seu esforzo por manter e coidar o seu patrimonio e esperan poder acometer nos próximos meses a súa obra máis necesaria, a reparación do tellado da capela, para o que solicitan axuda, tanto económica como de xestión para poder solicitar axudas a entidades públicas.