Junta General de
Cofradías y Hermandades

SEMANA SANTA DE FERROL

Liana Roca: “Tiña os pinceis algo esquecidos, pero no confinamento retomeinos”

Liana Roca Castrillón é a autora da pintura que ilustra neste ano 2022 o cartel do Vía Crucis, que se celebrará o 12 de marzo. É óptica optometrista de profesión, pero artista e confrade de corazón. Segundo explica, durante o confinamento volveu coller os pinceis, que tiña un pouco esquecidos, e agora xurdiu a oportunidade de colaborar retratando a imaxe de Jesús Cautivo. Utilizou unha técnica mixta, pintando con óleo a figura e o fondo e aplicando pan de ouro nas potencias.

-Cal é a túa relación coa Semana Santa?

Entrei na Confraría de Dores de pequena, fun confrade do Terzo da Oración no Horto ata que me fun a estudar a Santiago. E despois, cando volvín, entrei de portadora da Virxe da Esperanza. Aí estou desde 2016.

-Como xurdiu o ilustrar o cartel do Vía Crucis?

Pois eu presentara unha obra ao concurso que convocou a Confraría de Dores para o cartel da Semana Santa. Así que souberon da miña afección por iso puxéronse en contacto comigo para pedirme se quería colaborar. Así que o fixen moi contenta, faime moita ilusión.

-A afección á pintura tamén vén desde pequena?

Si, empecei con dez anos a ir a clases con Vitoria Ruíz de Cortázar, e seguín con ela ata que me fun á universidade. É algo que tiña un pouco abandonado, a verdade, pero cando chegou o confinamento retomeino e púxenme a pintar a imaxe do Nazareno, á que lle teño especial devoción. A de Belas Artes é a miña carreira frustrada!

-Esperas con ilusión a próxima Semana Santa?

Si, despois de dous anos esperemos que as procesións volvan á rúa. Ademais, é algo bo para Ferrol, para reactivar a hostalería e o comercio.

-Para ti, cal é o momento máis especial?

-Pois á parte da retirada da Virxe da Esperanza, que é moi especial, para min é moi emocionante a saída do Nazareno. Cando o vexo no corralón, antes de empezar a procesión, é algo moi intenso.

Síguenos

Comparte