O Museo da Semana Santa de Ferrol, que inaugurou a Xunta Xeral de Confrarías e Irmandades o 1 de decembro de 2018, cumpre tres anos cunha suma de 9.420 visitantes en total, malia os case tres meses que permaneceu pechado o pasado ano pola pandemia e os máis de sete que tampouco abriu no 2021 polas obras de reparación acometidas polo Concello nos baixos da Costa de Mella. O presidente da Xunta de Confrarías, César Carreño, valorou o interese que esperta o museo entre a xente de Ferrol e os turistas e destacou que “é unha forma máis de coñecer mellor a nosa Semana Santa e de mantela viva durante todo o ano”.
Nestes tres anos de vida, o de máis afluencia foi o primeiro -entre decembro de 2018 e decembro de 2019 visitaron a exposición máis de 8.000 persoas-. O 2020 comezou cun bo ritmo de visitas –sumaron 858 ata a chegada do confinamento-; logo pechou do 13 de marzo ao 21 de xuño e seguiu nos meses seguintes, coas medidas de seguridade sanitarias precisas, recibindo arredor de 46 visitantes ao mes. Os problemas de humidade que existían no local cedido polo Concello de Ferrol levaron a manter de novo pechado ao público o museo entre xaneiro deste ano e o pasado 11 de agosto, cando reabriu tras as obras de reparación. Desde mediados de agosto ata aquí, 210 persoas pasaron pola exposición.
Entre os lugares de orixe das persoas que visitaron nestes últimos meses o Museo da Semana Santa de Ferrol están Madrid, Sevilla, León, Valladolid, Cartagena, Zamora, Bilbao, Cádiz, Santander e Ibiza, entre outros, así como de países como Inglaterra, Austria, Países Baixos ou Italia.
Os fondos da exposición están formados por pezas e enseres aportados polas diferentes confrarías da Semana Santa Ferrolá, entre eles algunhas imaxes como o Cristo da Boa Morte da Soidade ou o Xacente de Dolores. Hábitos, actas antigas das irmandades, partituras da música que acompaña as procesións, campás, martelos, estandartes e un largo etcétera de obxectos compoñen a mostra, que ten nun lugar destacado o Cristo da Tafona, un dos cruceiros máis antigos de Galicia, propiedade do Concello de Ferrol.
O Museo da Semana Santa abre habitualmente de martes a domingo, entre as 11.30 e as 13.30 horas. Porén, nos festivos máis próximos vai abrir todos os días, do sábado 4 ao mércores 8 de decembro. Durante as vacacións de Nadal manterá o seu horario habitual salvo os días 24, 25 e 31 de decembro, e 1 e 6 de xaneiro, que permanecerá pechado. Abrirá, a maiores, os luns 27 de decembro e 3 de xaneiro.
Os grupos interesados en concertar unha visita poden facelo escribindo un mail á dirección exposicion.semanasantadeferrol@gmail.com.