Junta General de
Cofradías y Hermandades

SEMANA SANTA DE FERROL

Domingo de Ramos: Tres procesións inauguran a Semana Santa de Ferrol 2023

A Semana Santa de Ferrol toma as rúas da cidade a partir deste Domingo de Ramos, nunha nova edición unicamente condicionada polas obras e pola meteoroloxía. Unha vez máis, a Xunta Xeral de Confrarías e Irmandades vai retransmitir en directo todos os desfiles, a través da súa canle de Youtube, así como algunhas entrevistas e reportaxes, e informará puntualmente de calquera cambio e do inicio de cada streaming pola súa canle de difusión por Whatsapp. Distribuíronse 17.000 procesionarios en papel e na web www.semanasantaferrol.com pódese descargar o procesionario completo ou ben unha versión para smartphone do mesmo.

Como novidade, a Xunta de Confrarías reservará este ano un lugar con boa visibilidade, no punto de saída e recollida de todas as procesións, para persoas en cadeira de rodas. O espazo estará delimitado e sinalizado.

Ferrol conta con dous desfiles que conmemoran a entrada triunfal de Jesús en Xerusalén. A da Confraría das Angustias, a Procesión de Xesús Amigo dos Nenos, sae ás 11.30 horas do santuario de Esteiro e recóllese, despois de percorrer as rúas Carlos III, Ánimas, Españoleto, Avenida de Esteiro e Ramón e Cajal, na igrexa do Pilar. Quince minutos antes do inicio, sobre as 11.15 horas, celébrase a bendición dos ramos e as palmas ás portas do santuario.

A Confraría das Angustias, que cada ano abre o procesionario da Semana Santa de Ferrol, celebra este ano o 255 aniversario da súa refundación. Descoñécese realmente a antigüidade da irmandade de Esteiro, pola documentación que estaría asentada na desaparecida capela de San Amaro, pero o Libro das Constitucións que se conserva fala, na súa primeira páxina, de que o 10 de abril de 1768 a confraría se refunda no atrio da igrexa de San Roque. Con ese motivo, a irmandade colgou da súa fachada unhas bandeirolas conmemorativas.

O percorrido desta primeira procesión variará lixeiramente respecto ao de todos os anos, para evitar os edificios da rúa Carlos III nos que se produciu recentemente unha aparatosa derruba. O desfile subirá por Fernando VI tres mazás e logo incorporarase por Españoleto á rúa Carlos III para seguir co seu itinerario habitual.

A Confraría de Dolores celebra, a partir das 12.30 horas, a Procesión da Entrada triunfal de Xesús en Xerusalén, máis coñecida como “A Borriquita”. Tamén antes do seu inicio realízase a bendición dos ramos, habitualmente nunha praza de Amboage chea de xente e con gran presenza infantil. A continuación comeza o desfile, cos pasos de San Xoán Evanxelista e o da Borriquita.

Pola tarde sairá a Procesión do Ecce Homo, ás 19.00 horas da capela da Orde Terceira, onde ten a súa sé canónica a Confraría da Soidade. Nela irá tamén a imaxe de San Pedro que a irmandade estreou o pasado ano, obra de Jesús Cepeda, con novas roupaxes.

Cúmprese neste 2023 o 280 aniversario da primeira procesión do Ecce Homo en Ferrol, que volverá celebrarse na tarde deste Domingo de Ramos. A Confraría da Soidade mantén viva esta tradición franciscana de lembrar a lectura do Evanxeo que ese día se fai nas igrexas, que en Ferrol iniciouse a mediados do século XVIII. Foi en 1743 cando a Orde Terceira decidiu celebrar na cidade este desfile, que estreou a actual imaxe en 1790. Nese ano Florencio Gambino entregou a talla do Ecce Homo, que en principio, e como curiosidade, ía levar unha cruz ao lombo. As dimensións que adquiría a figura cos madeiros fixo que se lle pedise ao artista que a modificase.

Nesta procesión do Ecce Homo estará, por primeira vez na Semana Santa de Ferrol, a Banda da nosa Señora da Misericordia de Viveiro. Tamén tocarán a Banda da Confraría de Dores e a Agrupación Musical do Cristo da Boa Morte.

Streamings: a través da canle de Youtube da Xunta de Confrarías poderanse seguir o Domingo de Ramos, no seguinte horario (que pode variar lixeiramente).

-A partir das 11.00h: a bendición de ramos e a saída da procesión das Angustias. PINCHA AQUÍ
-A partir das 12.00h: a bendición de ramos en Amboage. PINCHA AQUÍ
-A partir das 13.00h: paso da procesión de Dores pola rúa Magdalena. PINCHA AQUÍ
-Ás 18.30h: entrevista coa Confraría da Soidade. PINCHA AQUÍ
-Ás 19.00h: saída da procesión do Ecce Homo. PINCHA AQUÍ
-Ás 19.45h: paso da procesión do Ecce Homo pola rúa Magdalena. PINCHA AQUÍ