A Xunta Xeral de Confrarías e Irmandades presentou esta mañá, nun salón do Casino cheo de público e coa presenza do alcalde, José Manuel Rey Varela, unha nova edición da revista Ecce Homo e o procesionario da Semana Santa de Ferrol 2024. Saíron este ano da Imprenta Provincial, unha vez máis grazas ao apoio da Deputación, 7.000 exemplares da revista, 1.000 carteis e 15.000 procesionarios, que tal e como explicou esta mañá César Carreño, chega á rúa cando se sabe que algúns dos percorridos planificados na publicación non se cumprirán.
É o caso de varias procesións da Confraría de Dolores, que se variarán por mor da presenza dunha estada. “Non pasa nada, se non imos por unha rúa imos por outra, pero imos”, subliñou Carreño, que convidou a todos os seguidores da Semana Santa de Ferrol a manterse informados a través das canles de comunicación da Xunta de Confrarías: canle de Whatsapp, páxina de Facebook, Twitter, Instagram , TikTok e Youtube –a través da cal fíxose a retransmisión en directo do evento-. Informarase puntualmente da axenda de cada día e de toda a información, que estará tamén colgada na web www.semanasantaferrol.com, e un ano máis retransmitiranse por streaming as procesións.
O presidente da Xunta de Confrarías, César Carreño, falou dos dez anos transcorridos desde a declaración de evento de Interese Turístico Internacional, subliñando que se trata dun título que “significa o orgullo de cidade e o orgullo da nosa Semana Santa” e que implica tamén “a responsabilidade de manter vivo o evento e de coidar a súa esencia”. A revista Ecce Homo ábrese este ano cun artigo sobre este recoñecemento e outras seis colaboracións, xunto co pregón pronunciado o pasado ano polo xornalista Ramón Loureiro, e unha colección de fotografías súas, realizadas nos 90, sobre a Semana Santa de Ferrol.
A especialista en Patrimonio Rosa Méndez asina un artigo sobre Mauro Valladares, párroco da desaparecida igrexa de San Xiao, figura controvertida e decisiva na construción da actual concatedral. Alberto Lens, presidente do Padroado e Irmán Maior da Fundación do Santo Hospital de Caridad, escribe sobre a historia de colaboración que une á devandita institución coa Confraría das Angustias. Antonio Sixto, desde hai pouco irmán maior do Santo Enterro e tamén confrade de Dolores, colabora tamén cun repaso da traxectoria da Venerable Orde Terceira de Servitas, desde a súa constitución en 1750. O arquitecto José Ramón Soraluce Blond, catedrático de Historia da arte, escribe sobre as igrexas de Ferrol, entre elas as sedes canónicas das confrarías. Mariña Loureiro, confrade e licenciada en Historia da arte, achega un artigo no que analiza a gran probabilidade de que a imaxe da Santísima Virxe da Soidade se inpirase na talla que realizou en 1565 Gaspar Becerra para o convento da Vitoria en Madrid. Na publicación, ademais, inclúese información sobre a imaxineira Ana Rey e fotografías do proceso de realización do novo paso que estrea este ano a Confraría da Mercé, o do noso Pai Xesús da Humildade no Bico de Xudas.
No acto de presentación participou o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, quen destacou que “a Semana Santa é un deses momentos no que nos ferrolanos demostramos máis que nunca o amor pola nosa cidade, o orgullo e o que conseguimos cando traballamos unidos”. Expresou o rexedor a aposta do Concello por este evento, que é sen dúbida “a nosa semana grande” e prometeu traballar “para que veña moita xente e presentar un Ferrol feliz e cheo de oportunidades”.
Entre as persoas que acudiron á presentación repartíronse xa os primeiros exemplares da revista Ecce Homo e o procesionario, aínda que a partir do luns distribuiranse gratuitamente a través das oficinas de turismo da cidade, o Concello, hoteis e establecementos colaboradores da Semana Santa. Tamén poderán recollerse na sede da Xunta de Confrarías –na rúa Magdalena número 224- de martes a sábado, entre as 11.30 e as 14.00 horas.
A retransmisión en directo está colgada en Youtube: https://www.youtube.com/live/dTpftmuJ1GU?si=t-pwl3nq0if9Rmrm
A revista pode descargarse aquí: https://semanasantaferrol.com/revista-ecce-homo/