Junta General de
Cofradías y Hermandades

SEMANA SANTA DE FERROL

Balance social 2024: máis de 18.000€ e 2.886kg de alimentos

A Xunta de Confrarías e Irmandades da Semana Santa de Ferrol pon de relevo un ano máis as actividades benéficas que desenvolven todas e cada unha das cinco entidades que a compoñen ao longo de todo o ano. O balance social de 2024 eleva ata os 18.131,43€ o diñeiro recadado, ao que se suman 2.886 quilos de alimentos e, no pasado mes de novembro, todo o material que se recolleu con destino ás vítimas da DANA e que encheu tres camións que partiron desde Ferrol ata Valencia.

Así, o balance social reflicte un novo esforzo, co que se superaron as cifras de 2023 -de 17.866€ e 2.447 quilos de alimentos- por parte das cinco confrarías da Semana Santa de Ferrol: a de Dolores, a da Virxe das Angustias, a da Mercé, a do Santo Enterro e a da Soidade. Todas canalizan a axuda habitualmente a través de organizacións da zona de Ferrol, como son Cáritas Diocesana, o Banco de Alimentos Rías Altas, a Cociña Económica, o refuxio Pardo de Atín… ou ben o distribúen directamente a persoas e familias necesitadas.

Cabe lembrar que nas regras e estatutos de todas as confrarías penitenciais inclúese, como un dos seus fins principais, o fomento e a práctica da caridade. Entre as iniciativas que se suceden ao longo do ano están os cafés, bingos, ceas e concertos benéficos, así como os escaparates solidarios que se adoitan organizar en datas do Nadal. En todos os beléns das confrarías recóllense donativos. Cabe sinalar tamén outras accións plenamente consolidadas como as esmolas que cada Sábado Santo reúne a Confraría das Angustias, ou o Ensaio Solidario que realiza a Mercé en vésperas da Semana Santa. Nos últimos anos implantáronse con éxito outras iniciativas como a de cambiar as flores dos tronos por donativos, por parte de Dolores e o Santo Enterro, ou o concerto na honra de Santa Icía que promove a Confraría da Soidade