A Xunta de Confrarías informa de que está xa marcada no calendario a data da celebración da Luz de Belén. Será o día 21 de decembro ás 20.00h, na igrexa de San Xiao. Trátase dunha cerimonia impulsada pola Delegación Episcopal de Confrarías da Diócese, que propuxo traer a Ferrol a iniciativa que a finais dos anos 80 iniciaron os Scouts de Austria. Consiste en ir buscar a Belén a chama que arde na cova na que naceu Xesús e espallala polo mundo, como símbolo do desexo de paz para todos os homes de boa vontade.
Cumprindo coas quendas que adoitan seguir as confrarías para sucederse na organización de diferentes actos, a cerimonia da Luz de Belén terá lugar este ano na sede canónica da Irmandade do Santo Enterro, a concatedral de San Xiao. En anos anteriores celebrouse na capela da Mercé, na da Orde Terceira e na das Angustias. É este un acto que reúne a moitos confrades e que é unha ocasión para compartir os desexos dun feliz Nadal, a poucos días da conmemoración do nacemento de Xesús.
