Ferrol, 10 de abril de 2026
Como presidente da Xunta de Confrarías da Semana Santa de Ferrol, desexo expresar o meu máis profundo e sincero agradecemento a todas as persoas, entidades e institucións que contribuíron, co seu esforzo e dedicación, ao éxito da Semana Santa deste ano 2026.
Foron días de intensa emoción, de fervor, de tradición e de encontro, nos que a nosa cidade volveu demostrar a súa enorme capacidade organizativa e o seu compromiso cunha celebración que forma parte esencial da nosa identidade. Nada disto sería posible sen a implicación xenerosa de confrades, portadores, voluntarios, bandas e agrupacións musicais, forzas e corpos de seguridade, protección civil, servizos sanitarios, persoal municipal, patrocinadores, medios de comunicación e tantos outros colaboradores que, co seu traballo moitas veces silencioso, fan posible que todo discorra con solemnidade, seguridade e brillantez.
Quero destacar especialmente a entrega das cinco confrarías, que souberon manter viva a esencia das nosas tradicións, así como a colaboración institucional que, un ano máis, foi fundamental para o bo desenvolvemento de todos os actos e procesións.
Así mesmo, agradezo de corazón a veciños e visitantes o seu respecto, participación e entusiasmo, que encheron as nosas rúas de vida e contribuíron a proxectar a imaxe de Ferrol como referente da Semana Santa.
Grazas a todos polo voso compromiso, a vosa responsabilidade e o voso amor por esta celebración. Entre todos, conseguimos que a Semana Santa de Ferrol 2026 quede, unha vez máis, no recordo como un verdadeiro éxito colectivo.
Con gratitude e afecto,
Fernando Iguacel Selle, Presidente da Xunta de Confrarías da Semana Santa de Ferrol
