Junta General de
Cofradías y Hermandades

SEMANA SANTA DE FERROL

As bandas e agrupacións de música confrade abren as portas a novos integrantes

Tras a Semana Santa de 2026, na que puidemos apreciar que segue aumentando a calidade das bandas e agrupacións de música confrade de Ferrol, as formacións retomaron os ensaios e anuncian que teñen as portas abertas a novos compoñentes. Todas son escolas de músicos, posto que non requiren experiencia nin coñecementos previos, e ademais facilitan os instrumentos a quen queira ir e probar, ou quedarse para aprender.

Nosa Señora do Nordés (OJE): anuncia para o venres 17 de abril, ás 19.00h, unha reunión informativa para novos membros ou persoas interesadas. Será no seu local da Estrada de Castela 58-64 baixo C, e facilitan o número 625723743 para consultas por Whatsapp.

Banda de CCTT Noso Pai Xesús Nazareno: informa a través das súas redes sociais de que ten aberta a preinscrición e invita a calquera persoa interesada a poñerse en contacto, sen importar a experiencia previa. A formación convoca tamén unha reunión para novos compoñentes que se celebrará o día 21 de abril, martes, ás 20.00h no seu local de ensaio, situado baixo o estadio de fútbol da Malata.

Banda de Cornetas, Gaitas e Tambores Nosa Señora das Angustias: publica nas súas redes que ten abertas as portas a persoas de calquera idade que queiran aprender a tocar. Concreta os instrumentos: corneta, gaita, tambores, bombo e banderín.

Asociación Cultural Musical Acotaga: as persoas interesadas en entrar nesta formación poden achegarse ao local no que realizan os ensaios, no antigo hospicio, en horario de 18.00 a 21.30h, ou ben chamar por teléfono ao 616682322 (Ainhoa) ou ao 657787736 (Caamaño)

Agrupación Musical Virxe da Amargura: organiza unha xornada de portas abertas para este venres, 17 de abril, ás 19.30h no colexio Juan de Lángara, no que realizan os seus ensaios. As persoas interesadas deberán enviarlles unha mensaxe a través das súas redes sociais ou contactar a través de alguén da directiva.

Agrupación Musical Virxe do Carme: celebrou este pasado luns, 13 de abril, unha reunión informativa na igrexa do Sacro Corazón, onde realizan os seus ensaios. As persoas interesadas poden poñerse en contacto a través do número 646 936 906.

Agrupación Musical do Santísimo Cristo da Boa Morte: este 17 de abril realizarán un ensaio coas portas abertas a todas as persoas interesadas en entrar, ás 20.00h no antigo pavillón de San Rosendo.