A Confraría da Angustias entregará este domingo a Insignia da irmandade ao conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez González, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros Barros, así como a varios confrades pola súa antigüidade e dedicación: Nicolás Vizoso Pérez, tesoureiro; Alejandro Marticorena Vellón, contador; Manuel Aguirre González, vogal de Patrimonio, e Alejandro García París, xefe da Banda Xuvenil. A imposición destas distincións realizarase ao terminar a misa solemne do día da patroa, que se celebrará no santuario a partir das 12.00 do mediodía, e antes de que comece a tradicional procesión polas rúas do barrio.
Tal como se informou no seu momento, desde o pasado 17 de maio, ata o vindeiro sábado 25, está a celebrarse a Novena da Virxe das Angustias. O domingo 26 terá lugar a misa solemne pola festividade e a posterior procesión, que como é tradicional coincide co domingo anterior ao Corpus.
Os horarios son os seguintes:
De luns a sábado: 09.00h Eucaristía e Novena / 11.30h Rosario / 12.00h Novena e Eucaristía
A irmandade poñerá a imaxe da nosa Señora das Angustias en Solemne Veneración o venres 24, de 18.30 a 20.30h, e o sábado 25, de 09.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30h.
O domingo 26 celebrarase a Misa Solemne, ás 12.00h, co acompañamento do Coro Harmonía. A continuación a Confraría entregará as súas insignias e posteriormente comezará a procesión da patroa do barrio de Esteiro.