O teatro Jofre acollerá este sábado, 16 de marzo, a lectura do pregón da Semana Santa de Ferrol 2024, a cargo da xornalista Marta Fernández Corral. No mesmo acto a Xunta de Confrarías e Irmandades entregará a súa Medalla de Ouro ao vicealmirante Ignacio Frutos Ruiz. O evento finalizará cun pequeno concerto a cargo da Banda de Nosa Señora da Misericordia de Viveiro.
O pregón comezará ás 20.00h e será retransmitido por streaming a través da canle en Youtube da Xunta de Confrarías.
Antes, ás 19.15h, está previsto que se celebre no mesmo teatro Jofre un breve acto para que tanto a pregoeira como o vicealmirante Ignacio Frutos asinen no Libro de Ouro da Xunta de Confrarías.
Nosa Señora da Misericordia ten previsto interpretar cinco marchas: A Esperanza de María (Alejandro Blanco), O Milagre (José Manuel Leituga e Agustín Moya), A Dor (Sergio Larrinaga), Cáliz de Vida (Alejandro Gómez) e Eternidade (Sergio Larrinaga e Jesús Manuel Guerrero).
Tal como se ten anunciado, na mesma xornada do pregón celebrarase en Ferrol unha xornada de música confrade, na que as bandas e agrupacións da Semana Santa tocarán polas prazas da cidade. Ás 16.15h, na praza de Armas, actuará a Agrupación Musical Nosa Señora do Carme; ás 16.40h no adrio do Santuario das Angustias tocará a A.M. Nosa Señora das Angustias; ás 17.30h na praza da Constitución dará o seu concerto a A.M. Nosa Señora do Nordés (OJE Ferrol), ás 18.30h na praza de Amboage tocará a AM do Santísimo Cristo da Boa Morte e ás 19.30h, nas escalinatas do teatro Jofre tocará a banda Acotaga.