Junta General de
Cofradías y Hermandades

SEMANA SANTA DE FERROL

Os alfombristas de Ponteareas estarán de novo en Ferrol o Domingo de Pascua

A Asociación de Alfombristas Do Corpus Christi de Ponteareas confeccionará unha alfombra floral na praza de Armas de Ferrol o vindeiro domingo de Resurrección, 5 de abril, para recibir as procesións que alí culminan no Gozoso Encontro  da Semana Santa de Ferrol. A iniciativa lévase a cabo por invitación da Xunta de Confrarías e Irmandades de Ferrol e o Concello de Ferrol.

A alfombra terá un diámetro de oito metros e unha superficie aproximada de cincuenta metros cadrados. Estará elaborada integramente con materiais naturais, entre os que se empregarán verde de túa e eucalipto, marrón de túa seca, pétalos deshidratados de pampullo e túa tostada para a cor negra. O branco e o vermello obteranse con ao redor de 2.000 caraveis. Para o trazado do deseño utilizaranse toros do corazón do millo e canas de bambú.

Un equipo formado por 21 alfombristas comezará a traballar na madrugada do domingo, a partir das seis da mañá, co obxectivo de que a alfombra estea finalizada antes da chegada da procesión.

A presenza da asociación en Ferrol permite trasladar á cidade a experiencia e o prestixio de Ponteareas, localidade recoñecida internacionalmente pola celebración do Corpus Christi de Ponteareas, unha das principais manifestacións da arte efémera floral en España. Esta festividade foi declarada Festa de Interese Turístico Internacional e Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia en abril de 2024.

O recoñecemento a esta tradición continúa crecendo a nivel internacional. En marzo de 2024, o Ministerio de Cultura de España presentou ante a UNESCO a candidatura internacional titulada “A tradición da creación de alfombras florais e composicións rituais con materiais naturais”, que será avaliada en 2025 para a súa posible inclusión na Lista Representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade.

Con esta participación, a Asociación de Alfombristas reafirma o seu compromiso coa difusión da arte efémero floral e coa posta en valor das tradicións relixiosas e culturais. A Semana Santa de Ferrol, con máis de catro séculos de historia, está considerada tamén Festa de Interese Turístico Internacional e constitúe unha das celebracións máis relevantes de Galicia

A tradición das alfombras florais ten en Ponteareas, na provincia de Pontevedra, un dos seus máximos expoñentes. Cada ano, durante o Corpus Christi, veciños e colectivos elaboran máis de vinte alfombras que cobren máis dun quilómetro de rúas e prazas con miles de flores e elementos vexetais, creando un espectacular conxunto de arte efémera que atrae a miles de visitantes.

O paso da procesión do Santísimo Sacramento por estas alfombras constitúe un dos momentos máis emblemáticos da celebración, acompañado por unha continua choiva de pétalos ao longo de todo o percorrido.