A presentación do cartel da Semana Santa de Ferrol 2026, celebrada esta tarde no salón de recepcións do Concello, inaugura os actos da Xunta de Confrarías e Irmandades no preámbulo das procesións que este ano se desenvolverán entre o 29 de marzo, Domingo de Ramos, e o 5 de abril, Pascua de Resurrección. O Cristo Redentor da Confraría da Mercé, nunha fotografía realizada por Ignacio do Moral, “Inaxete”, protagoniza a imaxe promocional da Paixón ferrolá deste ano, coincidindo co centenario da inauguración da capela mercedaria e da chegada da emblemática talla do imaxineiro galego José Rivas.
No acto interveu Fernando Iguacel Selle, desde setembro pasado presidente da Xunta de Confrarías, para destacar que a presentación do cartel “é un anticipo do sentimento, do recollemento e da fe que, ano tras ano, percorren as nosas rúas”. Ademais de agradecer ao autor da fotografía a súa sensibilidade e colaboración e ás institucións o seu apoio, subliñou que a Semana Santa é historia viva de Ferrol e “froito do esforzo conxunto das confrarías, dos confrades e de toda unha cidade que sente como propia”. “Que esta imaxe nos acompañe durante os próximos meses e nos prepare espiritualmente para vivir, unha vez máis, unha Semana Santa profunda, digna e fiel ás nosas tradicións”.
Helena Pena, irmá maior da Confraría da Mercé, sinalou que o cartel deste ano “rende homenaxe a cen anos de devoción, historia e patrimonio relixioso na cidade” e que a fotografía de Ignacio do Moral “capta un momento de gran forza expresiva e recollemento”. Con este cartel, indicou, “a Semana Santa de Ferrol reforza a súa identidade e pon en valor una das súas imaxes máis representativas nun ano de especial relevancia histórica”.
A presentación do cartel inaugura os actos que a Xunta de Confrarías organiza cada ano no preámbulo dunha nova Semana Santa. A imaxe do evento, o único de Ferrol coa consideración de Interese Turístico Internacional, mostrarase tamén na feira Fitur, en Madrid. O presidente da Xunta de Confrarías, Fernando Iguacel, intervirá na presentación que alí se vai a facer dos atractivos turísticos da cidade.
Xa en febreiro, o día 27, terá lugar o Vía Crucis que organiza a Xunta de Confrarías. Nesta ocasión a celebración terá lugar na capela da Mercé, a partir das 20.00h, e desde alí sairá unha procesión que estará presidida pola imaxe do Noso Pai Xesús da Humildade.
O 6 de marzo, ás 19.00h no teatro Jofre, celebrarase a lectura do pregón. O xornalista Isidoro Valerio será este ano o encargado de anunciar a Paixón ferrolá, nun acto no que tamén se entregará a Medalla de Ouro da Xunta de Confrarías a César Carreño Yáñez e a José Manuel Evia Gende, a ambos a título particular, e que pechará o coro ferrolán Concerto Tempo.
O 13 de marzo, por último, presentarase o procesionario e a revista Ecce Homo, ás 19.00h na capela do Torrente Ballester.
Na presentación tomaron tamén a palabra o autor da fotografía, Ignacio do Moral; a deputada provincial Rosa Ana García López; a delegada provincial da Xunta Martina Aneiros; o bispo da Diocese, Fernando García Cadiñanos, e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela.

