Junta General de
Cofradías y Hermandades

SEMANA SANTA DE FERROL

O bispo preside a toma de posesión do novo equipo á fronte da Xunta de Confradías

O bispo da Diocese de Mondoñedo Ferrol, Monseñor Fernando García Cadiñanos, presidiu onte o acto de toma de posesión do novo presidente da Xunta Xeral de Confrarías e Irmandades da Semana Santa de Ferrol, Fernando Iguacel Selle, e do seu equipo de goberno, formado por Diego Fernández Rodríguez, como vicepresidente; María Paz Teijeiro, como secretaria, e Antonio Pía Castiñeira, tesoureiro. No mesmo acto tomou posesión tamén o novo irmán maior da Confraría da Soidade, Carlos Cal Celeiro, que entra a formar parte da Xunta co resto de irmáns maiores e presidentes das confrarías e co consiliario Cándido Otero López.

O novo presidente da Xunta de Confrarías, Fernando Iguacel, aproveitou esta primeira reunión para pedir unión e traballo. O encontro serviu xa para abordar diferentes cuestións relativas á Semana Santa de Ferrol en 2026, que se celebrará do 29 de marzo ao 5 de abril.

Tal como informou no seu momento a propia Diocese, Fernando Iguacel foi nomeado tras un proceso de consultas amplo e participativo que comezou a principios de xuño pasado. Iguacel Selle, profesor do colexio Tirso de Molina, asume a presidencia da Xunta de Confrarías despois de once anos como secretario no equipo que encabezou César Carreño e doutros doce na Coordinadora de Confrarías xunto a Meca Arcos. É desde fai máis de cincuenta anos confrade de Dolores, onde desempeñou diferentes responsabilidades, e desde fai oito, tamén do Santo Enterro.

Na reunión houbo ocasión de falar sobre a participación das confrarías penitenciais de Ferrol na procesión extraordinaria que se vai a celebrar en Compostela o próximo día 4 de outubro, ás 20.00h, organizada pola Confraría do Santísimo Cristo da Unción e Nosa Señora da Serenidade con motivo do centenario das Escolas da Inmaculada. A Xunta de Confrarías fretará un autobús cuxas prazas se repartirán entre as cinco confrarías.