Junta General de
Cofradías y Hermandades

SEMANA SANTA DE FERROL

A Semana Santa, primeiro evento turístico de Ferrol e reforzo do atractivo da cidade o resto do ano

A Semana Santa de Ferrol cobrou protagonismo hoxe, como corresponde ao único evento de interese turístico internacional da cidade, na presentación organizada polo Concello en Fitur. O acto, celebrado na caseta da Xunta de Galicia, contou coa presenza de César Carreño e Fernando Iguacel, presidente e secretario da Xunta de Confrarías e Irmandades, no ano no que se cumpre unha década desde a declaración do evento como de interese turístico internacional. Tomou a palabra Carreño, que convidou a vir durante a Semana Maior, que este ano se celebrará do 24 ao 31 de marzo, pero tamén durante o resto do ano, para visitar o Museo e realizar o Roteiro Confrade polos lugares máis emblemáticos da historia das nosas procesións.

César Carreño aproveitou a imaxe do cartel de 2024 para exemplificar a tradición e a actualidade que se unen na Semana Santa de Ferrol. Nel aparece a Virxe das Angustias, titular da súa confraría desde hai 256 anos, e un confrade cunha tatuaxe que fala de mocidade e presente. Lembrou o presidente da Xunta de Confrarías que data de 1616, hai 408 anos, o primeiro documento no que consta a celebración de procesións en Xoves e Venres Santo na vila de Ferrol. “Agora celebramos 23 procesións do Domingo de Ramos ao de Resurrección, con imaxes dos séculos XVIII, XIX, XX e XXI”, sinalou Carreño, apuntando tamén algúns dos prestixiosos imaxineiros desde os máis antigos, Gambino ou Guerra Felipe, ata os contemporáneos como José María Furtado, Murciano ou Ana Rey, a primeira muller que se incorpora a esta nómina de artistas coa imaxe do noso Pai Jesús da Humildade no Bico de Judas que estreará este ano a Confraría da Mercé.

“Convídovos a vir a Ferrol en Semana Santa para que poidades ver un museo que, durante unha semana, sae á rúa e cobra vida. Agora ben, no caso que non puidésedes vir en Semana Santa, convídovos a facelo en calquera epoca do ano e visitar o Museo da Semana Santa ou facer o roteiro confrade polos lugares históricos máis emblemáticos da Semana Santa de Ferrol. Sexa cal for o motivo da visita: Ferrol vai sorprendervos gratamente”, concluíu Carreño.