Junta General de
Cofradías y Hermandades

SEMANA SANTA DE FERROL

Carreño destaca en Fitur a historia, o patrimonio e o carácter aberto da Semana Santa de Ferrol

O presidente da Xunta de Confrarías e Irmandades de Ferrol, César Carreño, interveu esta tarde no acto organizado polo Concello na feira internacional de turismo Fitur, dentro do stand de Galicia, para presentar un ano máis o único evento de interese turístico internacional da cidade. Co cartel de 2025, protagonizado polos confrades do Santo Enterro e o crucifixo da extinta Confraría de Ánimas, Carreño destacou a historia e a modernidade que concita a Semana de Paixón ferrolá.

O cartel, cunha imaxe da procesión do Santo Enterro do pasado ano 2024, deulle pé a Carreño para lembrar que a celebración existe na cidade polo menos desde 1616 -data da primeira referencia documentada- e que o crucifixo de Ánimas data de 1780. “É unha pequena mostra da enorme riqueza escultórica que temos na nosa Semana Santa, na que procesionan imaxes dos séculos XVIII, XIX, XX e XXI”, sinalou o presidente da Xunta de Confrarías, que citou tamén ás cinco irmandades -Santo Enterro, Angustias, Dolores, Mercé e Soidade- organizadoras das 25 procesións que discorren pola cidade entre o Domingo de Ramos e o de Resurrección.

A través da imaxe do cartel aludiu tamén Carreño ás rúas rectilíneas do barrio da Magdalena, trazadas pola Ilustración, polas que camiñan devanditos cortexos e sinalou que o confrade que porta o crucifixo “representa aos máis de 3.000 confrades, homes e mulleres, nenos, novos e menos novos, ferroláns ou non… que participan na nosa Semana Grande procesionando ou portando os case 40 tronos que saen á rúa”.

O vermello da Cruz de Xerusalén e outros elementos do hábito do Santo Enterro, destacados sobre o resto da imaxe en branco e negro, serviu ao presidente da Xunta para lembrar que a Semana Santa de Ferrol ten unha ampla gama de cores “que simbolizan o seu carácter aberto e inclusivo”. Terminou Carreño destacando o enorme traballo das irmandades e os seus confrades, así como o apoio de entidades como Abanca e as administracións municipal, provincial e autonómica. “A todos eles, grazas de corazón”, dixo, para rematar convidando a todos a vir a Ferrol “para vivir con intensidade a súa Semana Santa e gozar dunha cidade apaixonante”.

Xunto con César Carreño, a representación da Xunta de Confrarías da Semana Santa de Ferrol contou tamén coa presenza do seu secretario, Fernando Iguacel.